[21/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea mañá sábado, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa a versión do ballet Quebranoces de Tchaikovski e Petipa, coa que o Centro Coreográfico Galego (CCG) realiza por primeira vez desde a súa creación unha produción de ballet clásico.
Un total de 42 alumnos da Escola de Danza Perla de Arousa, nenos e nenas de entre 6 e 13 anos de idade, participan nesta primeira función do espectáculo baixo a dirección da responsable do CCG, Mercedes Suárez, e xunto a outro grupo de rapazas do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
O elenco interpretativo está encabezado por cinco bailaríns profesionais -Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany-, que dan vida os case que 20 personaxes deste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles deste ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre. Pola súa banda, os cativos da escola arousá interpretan os anxos, os ratos, os soldados e os personaxes do Petit Galop.
Proceso aberto e participativo
Coa posta en escena do Quebranoces, que xa ten confirmadas outras 11 funcións en sete escenarios, a compañía pública culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos dos 18 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferentes grupos e quendas cos estudantes seleccionados cara á súa intervención nas funcións que se celebren nas localidades máis próximas ás súas de orixe.
Xunto cos devanditos centros de Vilagarcia e Lugo, no proxecto participan alumnos doutras dez localidades: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Ferrol (escolas de danza Jesús Quiroga/Asociación Mundo Danza e Matilde Pedreira), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Pontevedra (escolas de danza Deborah e Vaganova), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet Estudio e Escola de Danza San Clemente), Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro).
Cóntase, asemade, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Coro Infantil do Conservatorio de Música pontevedrés para a execución da música en directo nas funcións que terán lugar na Coruña e Pontevedra, respectivamente.
No equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros. Así mesmo, a imaxe gráfica do espectáculo incorpora os debuxos das nenas Mercedes Fernández e Serea López, alumnas respectivamente da escola Deborah de Pontevedra e do conservatorio de Lugo, que foron elixidos polo Centro Coreográfico a través dun concurso aberto aos estudantes dos centros colaboradores. Ademais, estase a realizar unha selección entre todos os debuxos achegados polos estudantes para ser exposta nalgúns dos recintos onde se exhibirá o espectáculo.
120 aniversario
Coincidindo coa celebración do 120 aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.
Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.
Venda de entradas
As entradas para a estrea poden adquirirse de xeito anticipado a través da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500, así como o mesmo día da representación no despacho de billetes do Auditorio Municipal de Vilagarcía, que abrirá ao público ás 18.30 horas. O prezo por localidade é de 6 euros para a zona C, 8 euros para a B e 11 para a A.
Trala función de mañá, o Coreográfico representará esta produción, aberta a futuras incorporacións artísticas, nos outros sete escenarios confirmados ata o momento: Pazo da Cultura de Narón (27 de decembro), Pazo da Cultura de Pontevedra (día 28), Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (4 de xaneiro), Auditorio Municipal de Arteixo (18 de xaneiro), Auditorio Mar de Vigo (26 de xaneiro), Pazo da Ópera da Coruña (do 5 ao 9 de febreiro) e Auditorio Municipal de Cangas (16 de febreiro).