AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

A COMPAÑÍA PÚBLICA ESTREA O SÁBADO EN VILAGARCÍA A SÚA VERSIÓN DA CREACIÓN DE TCHAIKOVSKI E PETIPA, QUE REPRESENTARÁ INICIALMENTE NOUTRAS SETE LOCALIDADES

A Consellería de Cultura e Educación presenta o 'Quebranoces' como primeira produción de ballet clásico do Centro Coreográfico Galego

[20/12/2012] O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea este sábado 22 de decembro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa o Quebranoces, versión da famosa creación de Tchaikovski e Petipa coa que a unidade de danza da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio unha produción de ballet clásico.

Quebranoces

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Mercedes Suárez, directora do CCG e deste espectáculo; e Hervé Ilari, coreógrafo e bailarín francés que intervén no proxecto como asistente de dirección e repetidor, presentaron esta montaxe hoxe na Coruña, onde a compañía pública ultima a estrea dunha proposta que vai máis alá da súa exhibición ante o público galego. Neste sentido, a través desta iniciativa estase a impulsar unha liña de colaboración directa coas escolas galegas de danza co obxectivo de captar novos espectadores, así como de incentivar a motivación dos estudantes desta disciplina artística mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional.

Implicación social para afianzar o papel da danza
Así, tanto no plano concreto da exhibición artística como no aspecto divulgativo da danza, a montaxe do Quebranoces supón para o CCG -segundo afirmou Anxo Lorenzo- "un paso adiante cualitativo de grande importancia, que nos presenta unha compañía capacitada para avanzar no plano creativo, que aposta por unha fórmula participativa, aberta e diferente para esta montaxe que quere chegar a iniciados e a neófitos, desde unha lectura propia do clásico estreado hai xa 120 anos en San Petersburgo".

"Polo tanto -engadiu- quero felicitar a directora e a todo o equipo do Centro Coreográfico por esta busca de estratexias novidosas e de implicación social para afianzar o papel da danza en Galicia e para lograr unha chegada a públicos cada vez máis amplos, desta vez, mediante unha lectura propia dun dos clásicos do ballet, que dá mostra da súa amplitude de rexistros e da súa versatilidade".

Coa posta en escena do Quebranoces, que ten confirmadas outras 11 funcións en sete localidades galegas ata mediados de febreiro, o Centro Coreográfico culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións para a selección dos alumnos e alumnas dos 19 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Así, baixo a dirección de Mercedes Suárez e xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas no desenvolvemento dunha produción na que participan estudantes a partir de 6 anos e os seus profesores, así como os músicos e voces de tres formacións orquestrais e corais.

Bailaríns profesionais e estudantes de danza
Cinco bailaríns profesionais seleccionados polo CCG -Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany- dan vida os case que 20 personaxes que interveñen co seu baile neste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles deste ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre.

Canda eles, bailarán os nenos e nenas seleccionados, cos que se realizaron grupos e quendas cara á súa intervención nas representacións que se leven a cabo nas localidades máis próximas ás súas de orixe. En Vilagarcía, por exemplo, actuarán un total de 42 rapaces da Escola de Danza Perla de Arousa, así como dun grupo de estudantes do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Ademais destes dous centros, no proxecto participa alumnado doutras dez localidades: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Ferrol (Asociación Mundo Danza e escolas de danza Jesús Quiroga e Matilde Pedreira), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Pontevedra (escolas de danza Deborah e Vaganova), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet Estudio e Escola de Danza San Clemente) e Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro).

Cóntase, asemade, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, e o Coro Infantil do Conservatorio de Música pontevedrés para a execución da música en directo nas funcións que terán lugar na Coruña e Pontevedra, respectivamente.

No equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros. Así mesmo, a imaxe gráfica do espectáculo incorpora os debuxos das nenas Mercedes Fernández e Serea López, alumnas respectivamente da escola Deborah de Pontevedra e do conservatorio de Lugo, que foron elixidos polo Centro Coreográfico a través dun concurso aberto aos estudantes dos centros colaboradores. Ademais, estase a realizar unha selección entre todos os debuxos achegados polos estudantes para ser exposta nalgúns dos recintos onde se exhibirá o espectáculo.

120º aniversario
Coincidindo coa celebración do 120 aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski lle puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.

Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Tras a estrea en Vilagarcía de Arousa, que dará comezo ás 20.30 horas, o Centro Coreográfico representará esta produción, aberta a futuras incorporacións artísticas, nos outros sete escenarios confirmados ata o momento: Pazo da Cultura de Narón (27 de decembro), Pazo da Cultura de Pontevedra (28 de decembro), Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (4 de xaneiro), Auditorio Municipal de Arteixo (18 de xaneiro), Auditorio Mar de Vigo (26 de xaneiro), Pazo da Ópera da Coruña (do 5 ao 9 de febreiro) e Auditorio Municipal de Cangas (16 de febreiro).

Documentación
Ligazóns