AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O AUDITORIO MUNICIPAL HERNÁN NAVAL OFRECE A DERRADEIRA FUNCIÓN O DOMINGO 23 ÁS 20.30 HORAS

Centro Dramático Galego, dependente de Cultura e Educación, remata en Ribadeo a xira do espectáculo "O profesional"

[21/12/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remata a xira do seu último espectáculo, O profesional, na localidade luguesa de Ribadeo. A derradeira función da obra de Dusan Kovacevic baixo dirección de Manuel Guede Oliva terá lugar o domingo día 23 no Auditorio Municipal Hernán Naval ás 20:30 horas.

Escena de 'O profesional'

A montaxe estreada o pasado 5 de outubro no Salón Teatro de Santiago finaliza así o seu período de distribución despois de ter ofrecido ao longo de dous meses e medio un total de trinta funcións en 12 escenarios galegos e portugueses: Compostela, Tui, Vigo, Ourense, Coimbra, Braga, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Rianxo, Narón e Ribadeo.

Entre traxedia e comedia
Catro destacados nomes da nosa escena -Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel- dan vida ás personaxes deste drama político e policial, con grandes doses de ironía e comicidade e ambientado no Belgrado dos primeiros anos noventa. Este equilibrio entre a traxedia e a comedia é unha das principais características dun texto que afonda na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, que a compañía pública galega leva a escena no ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da Guerra dos Balcáns.

O profesional contou coa achega na coprodución da Companhia de Teatro de Braga, para a que Guede Oliva dirixira en 2007 a versión portuguesa. O CDG recuperou a escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, a creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e o espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e o propio Manuel Guede.

Para a montaxe galega, ademais dos catro intérpretes, incorporáronse ao equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Perseguido e perseguidor
A historia de O profesional sitúase dez anos despois da morte do mariscal Tito e trala renuncia do Partido Comunista ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, expolicía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que amosa as grandezas e miserias do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Documentación