Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA, CREADA POLO VALENCIÁN JESÚS HIDALGO, PODE VERSE O XOVES 8 E O VENRES 9

A compañía francesa Alleretour presenta no Salón Teatro unha coreografía que homenaxea ás mulleres da guerra civil

[07/02/2007] A compañía francesa Alleretour presenta no Salón Teatro de Santiago de Compostela a súa última coreografía, titulada Ellas, unha homenaxe ás mulleres que quedaron soas trala guerra civil española. Creada e dirixida por Jesús Hidalgo, o espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá dúas funcións que terán lugar mañá 8 e o venres 9 ás 20.30 horas.

Ellas sitúase na guerra civil española. A contenda remata coa vitoria do bando nacional e a voz de Franco anuncia o principio da ditadura. Dúas mulleres, interpretadas por Emanuela Ciavarella e Diana Regaño, son testemuñas dese momento histórico. A partir de aquí a montaxe é un tributo ás mulleres, mai se esposas, que perderon á súa familia no conflito, aos eu silencio imposto, aos eu intento de sobrevivir cando non podían berrar máis.

O coreógrafo Jesús Hidalgo, valencián afincado en Franza, continúa neste espectáculo coa súa intensa busca sobre un movemento simple e poético e o seu baile, no que, sen necesitar un discurso intelectual, consegue lembrarnos a nosa condición humana e o mundo contemporáneo sacudido polas guerras. Como case todas as súas coreografías, representan corpos en loita co pasado e coa historia. Soidade, desesperación, violencia pero tamén tenrura e complicidade nun mundo onde o home falta.

WORKSHOPS CON PINA BAUSCH

Jesús Hidalgo estuda danza contemporánea en Valencia e Barcelona, onde se asocia con pintores, escultores e videoartistas para organizar diferentes performances en espazos naturais e galerías de arte contemporánea. Á vez é intérprete coas compañías de Ramón Ollers, Carolyn Carlson e Michael Clark e desenvolve diversos workshops con Pina Bausch. A súa primeira coreografía, Naúfragos, preséntase en Caen, Valencia e Groningen. Posteriormente instálase en Franza como bailarín con Karine Saporta e Susan Buirge, e alí funda en 1991 Alleretour, unha compañía subvencionada polo Ministerio de Cultura e Comunicación francés.

Despois das funcións de Ellas, o Salón Teatro voltará abrir as súas portas os días 10 e 11 de febreiro, nos que acollerá a obra de teatro Last Chance (Última Oportunitat!)a cargo do Teatro Lliure e Centre D’Arts Esceniques de Reus-Caer; o día 14 cun concerto de música contemporánea a cargo de Pablo Coello (saxofóns) e Pedro Rebelo (electrónica); e os días 16 e 17 de febreiro, nos que ocupará o escenario da Rúa Nova a mítica compañía andaluza La Zaranda co seu espectáculo Los que ríen los últimos.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xove.