Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA EN FUNCIÓNS INAUGUROU HOXE ESTE EVENTO, QUE SE CELEBRA ATA O DOMINGO NA CIDADE DA CULTURA DE GALICIA

Cultura e Educación reúne un cento de profesionais no III Encontro de Políticas de Intercambio no Ámbito das Artes Escénicas

[30/11/2012] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o III Encontro Internacional de Políticas de Intercambio no Ámbito das Artes Escénicas; un evento que sinalou como unha oportunidade "de achegamento entre dous territorios curmáns, cunha historia e un patrimonio cultural común, que permitirá estreitar os xa de por si estreitos lazos entre Galicia e Portugal, e así avanzar nun diálogo á procura do benestar común". A Cidade da Cultura de Galicia acolle desde hoxe ata o vindeiro domingo este encontro, no que un centenar de profesionais das artes escénicas de Galicia e de 8 países lusófonos intercambiarán experiencias e estreitarán lazos para poñeren en marcha novos proxectos culturais.

Inauguración do encontro

O Centro Dramático Galego e a Cena Lusófona, asociación para o intercambio teatral entre os países que comparten o portugués como lingua oficial (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor-Leste), desenvolven no Gaiás esta terceira edición das xornadas, inseridas así mesmo no programa de actividades da Semana de Portugal na exposición ‘Gallaecia Petrea’. A súa finalidade é ofrecer aos participantes, entre os que se atopan representantes dos ámbitos público e privado, un espazo de traballo para o intercambio de experiencias e o achegamento de posturas cara ao desenvolvemento de novos proxectos culturais.

Na súa intervención Vázquez Abad amosou a súa confianza en que "esta nova oportunidade para o intercambio e a aprendizaxe profesional sexa, a lo menos, tan frutífera como de seguro o foron os dous encontro anteriores"- celebrados en Coimbra (Portugal) e en Teresina (no estado de Piauí-Brasil)- , e que a Cidade da Cultura "resulte un espazo idóneo para o intercambio de experiencias e o agromar de novos proxectos culturais comúns".

Así mesmo, e co gallo da celebración da Semana de Portugal en ‘Gallaecia Petrea’, o conselleiro en funcións quixo agradecer a xenerosa colaboración de Portugal nesta mostra.

Maria do Ceo na Semana de Portugal
Coincidindo con este encontro, a Semana de Portugal en ‘Gallaecia Petrea’ ábrese ao público xeral este venres, 30 de novembro, cun espectacular concerto coa voz sedutora de María do Ceo, sentir portugués e dozura galega, ao que asistirá o conselleiro en funcións. A artista encherá o Centro de Innovación Cultural (CINC) cun concerto no que a sensualidade se converterá en melancolía, dozura, paixón e tenrura. Fado en estado puro e cancións que saen da alma e envolven ao público nun ambiente máxico e irrepetible.

A actuación terá lugar ás 19:00 horas e será de balde. As invitacións poderán recollerse desde dúas horas antes do inicio do concerto no edificio do CINC (máximo: dúas por persoa) ata completar o aforo.

Programa
O encontro articúlase arredor de mesas redondas, debates, presentacións e actividades paralelas. Tres das sesións do sábado estarán abertas ao público - previa inscrición na zona de reservas da web da Cidade da Cultura-, en concreto as mesas redondas "O ensino artístico en Galicia e na CPLP (Comunidades dos Países de Lingua Portuguesa)" e "A empresa e a cultura"; así como a presentación do proxecto P-STAGE-IV Estágio Internacional de Actores Lusófonos, un proxecto de formación, creación artística e circulación de espectáculos levado a cabo entre Portugal, Angola, Guinea Bissau, San Tomé e Príncipe, Brasil e Galicia.

Xa o domingo, os asistentes participarán nun debate arredor das dificultades e potencialidades para o intercambio cultural no espazo lusófono; e pecharán o encontro cunha sesión de conclusións.

Para dar a coñecer a situación actual do panorama galego das artes escénicas, durante estas tres xornadas os participantes no encontro poderán asistir á representación do espectáculos ‘O Profesional’, do Centro Dramático Galego, e ‘A Tempestade’, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia’. Ademais, o programa de actividades complementarias contempla a visita á exposición ‘Gallaecia Petrea’, no marco da Semana de Portugal nesta mostra, e ao ‘Culturgal’.

Con este evento a Xunta de Galicia busca impulsar a circulación de espectáculos e o intercambio formativo e creativo entre os países participantes, así como poñer a disposición dos participantes chegados de fóra de Galicia a oportunidade de entrar en contacto co sector cultural galego.