[01/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa no proxecto internacional de teatro P-STAGE mediante a incorporación como socio do Centro Dramático Galego (CDG) a esta iniciativa de formación, circulación e exhibición escénica realizada entre distintas entidades e institucións de países de lingua portuguesa.
A xénese e contidos do proxecto foron presentados hoxe na Cidade da Cultura polo director do CDG, Manuel Guede Oliva, xunto ao resto de responsables do programa, dentro do III Encontro Internacional de Políticas de Intercambio no Ámbito das Artes Escénicas, que se vén desenvolvendo en Santiago desde onte e ata mañá domingo 2 de decembro coa asistencia de máis dun centenar de profesionais galegos e procedentes de Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor-Leste.
P-STAGE prevé a realización de obradoiros de interpretación en Angola, Guinea Bissau e San Tomé e Príncipe, así como a estrea dunha coprodución con actores e actrices destes tres países, Portugal e Brasil. O texto escollido para o espectáculo final, que se estreará en Portugal no segundo semestre de 2013 e inciará despois unha xira por todos os destinos participantes, é As Oraçoes de Mansata, orixinal do dramaturgo guineano Abulai Sila.
África, América e Europa
O proxecto, cuxo título resposta ás iniciais de Portuguese Speaking Theather Gather Energies, está promovido e liderado pola asociación portuguesa Cena Lusófona e financiado a través do programa ACP-UE da Comisión Europea para impulsar a cooperación cultural entre os países de África, Caribe e Pacífico e os membros da Unión Eurpea.
A acción desenvolverase ao longo de dous anos e medio a través da colaboración entre o Elinga Teatro de Angola e a AD-Acção para o Desenvolvimento de Guinea Bissau. Tamén figuran como entidades asociadas, ademais do Centro Dramático Galego, o Centro de Intercâmbio Teatral de São Tomé e Príncipe, o Circuíto de Teatro em Português (Sâo Paulo, Brasil) e o Bando de Teatro Olodum (Salvador de Bahía).
A filosofía do P-STAGE procede do programa Estágios Internacionais de Actores, que iniciara en 1998 a Cena Lusófona e permitira durante catro anos a formación e o intercambio entre centenares de xoves actores dos distintos países de que utilizan o portugués como idioma común.