[29/11/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preséntase a semana que vén na Coruña para ofrecer no Teatro Rosalía de Castro dúas funcións do seu último espectáculo, O profesional, de Dusan Kovacevic. Con dirección escénica de Manuel Guede Oliva, esta primeira versión galega e en galego da obra do autor serbio escenifícase o martes 4 e o mércores 5 de decembro, ás 20.30 horas.
Catro destacados nomes da nosa escena -Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel- dan vida ás personaxes deste drama político e policial, con grandes doses de ironía e comicidade e ambientado no Belgrado dos primeiros anos noventa. Este equilibrio entre a traxedia e a comedia é unha das principais características dun texto que afonda na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, que a compañía pública galega leva a escena no ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da Guerra dos Balcáns.
O profesional conta coa achega na coprodución da Companhia de Teatro de Braga, para a que Guede Oliva dirixira en 2007 a versión portuguesa, da que o CDG recupera agora a escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, a creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e o espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e o propio Manuel Guede. Para a montaxe galega, ademais dos catro intérpretes, incorporáronse ao equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.
Perseguido e perseguidor
A historia de O profesional sitúase dez anos despois da morte do mariscal Tito e trala renuncia do Partido Comunista ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.
Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que amosa as grandezas e miserias do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.
Venda anticipada
As entradas para asistir ás representacións do Centro Dramático Galego no Teatro Rosalía de Castro están xa á venda a través da billeteira electrónica da web www.servinova.com. Os prezos por localidade sitúanse entre os 6 e os 13 euros, máis gastos de xestión, sobre os que se aplican os descontos habituais para maiores de 65 anos, persoas en situación de desemprego e titulares do carné xove.
Despois das funcións de hoxe en Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 20.30 h) e dos días 4 e 5 de decembro na Coruña, O profesional visitará tamén Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro) como parte da súa xira por Galicia e Portugal.
Tras concluír o seu percorrido, iniciado o pasado mes de outubro despois da súa estadía no Salón Teatro de Santiago, o espectáculo terá ofrecido un total de trinta funcións en 12 escenarios galegos e portugueses.