Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A NOVA PROPOSTA DO CDG PODERÁ VERSE ESTE VENRES DÍA 30, ÁS 20.30 HORAS, NO CENTRO SOCIAL NOVACAIXAGALICIA

Cultura e Educación presenta en Pontevedra o espectáculo 'O profesional' do Centro Dramático Galego

[28/11/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desprázase esta semana a Pontevedra para ofrecer unha función de O profesional, o seu último espectáculo. O Centro Social Novacaixagalicia acollerá o venres día 30, ás 20.30 horas, a posta en escena da que é a primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic, con dirección de Manuel Guede Oliva e a colaboración da Companhia de Teatro de Braga na coprodución.

O profesional

Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel dan vida ás personaxes deste drama político e policial, con grandes doses de ironía, ambientado no Belgrado dos primeiros anos noventa. Este equilibrio entre a traxedia e a comedia é unha das principais características dun texto que afonda na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, que a compañía pública galega leva a escena no ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da Guerra dos Balcáns.

Acción nun só acto
A historia de O profesional sitúase dez anos despois da morte do mariscal Tito e trala renuncia do Partido Comunista ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj (Miguel Pernas), un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban (Ernesto Chao), ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos.

Durante o seu intenso encontro, a súa relación exporase como unha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Equipo artístico
Forman parte do equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Na produción do que é o primeiro traballo da nova etapa de Manuel Guede á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo, que Guede dirixiu en 2007 para a Companhia de Teatro de Braga. Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.

En xira
Despois da función en Pontevedra, O profesional continuará desenvolvendo unha xira que se estenderá ata mediados do vindeiro mes de decembro: A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

Tras concluír o seu percorrido, iniciado o pasado mes de outubro despois da súa estadía no Salón Teatro de Santiago, o espectáculo terá ofrecido un total de trinta funcións en 12 escenarios galegos e portugueses.

A venda anticipada de entradas para asistir á función do CDG en Pontevedra está dispoñible na billeteira da web www.servinova.com con prezos que se sitúan entre os 8 e os 12,60 euros por localidade.

Documentación
Ligazóns