Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTA VERSIÓN DA OBRA DE DUSAN KOVACEVIC REPRESÉNTASE O VENRES 23 NO TEATRO MUNICIPAL LAURO OLMO, ONDE RECALA DESPOIS DE VISITAR COIMBRA E BRAGA

A Consellería de Cultura e Educación retoma no Barco de Valdeorras a xira galega do espectáculo ‘O profesional’

[21/11/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanza na xira galega do seu espectáculo O profesional, que este venres 23 será representado no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic, con dirección escénica de Manuel Guede Oliva, regresa así a Galicia despois das funcións ofrecidas nas localidades portuguesas de Coimbra e Braga.

O profesional

Catro destacados nomes da nosa escena -Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel- dan vida ás personaxes deste drama político e policial, con grandes doses de ironía e comicidade e ambientado no Belgrado dos primeiros anos noventa. Este equilibrio entre a traxedia e a comedia é unha das principais características dun texto que afonda na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, que a compañía pública galega leva a escena no ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da Guerra dos Balcáns.

O profesional conta coa achega na coprodución da Companhia de Teatro de Braga, para a que Guede Oliva dirixira en 2007 a versión portuguesa, da que o CDG recupera agora a escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, a creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e o espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e o propio Manuel Guede. Para a montaxe galega, ademais dos catro intérpretes, incorporáronse ao equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Perseguido e perseguidor
A historia de O profesional sitúase dez anos despois da morte do mariscal Tito e trala renuncia do Partido Comunista ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que amosa as grandezas e miserias do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Xira ata Nadal
Despois da función no Barco de Valdeorras, que dará comezo ás 20.30 horas, O profesional visitará outras cinco localidades galegas nunha xira que se prolongará ata Nadal: Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

Tras concluír o seu percorrido, iniciado o pasado mes de outubro despois da súa estadía no Salón Teatro de Santiago, o espectáculo terá ofrecido un total de trinta funcións en 12 escenarios galegos e portugueses.

Ligazóns