[05/11/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta esta semana no Salón Teatro de Santiago a última produción do Centro Coreográfico Galego que, baixo o título conxunto de AÍNDA, reúne no programa as pezas Jardí Tancat, de Nacho Duato, e Aínda, creada por Mercedes Suárez e Amaury Lebrun.
O espazo compostelán acollerá do mércores 7 ao venres 9, ás 20.30 horas, tres funcións deste espectáculo, que foi presentado hoxe por Mercedes Suárez, directora do Centro Coreográfico Galego e desta montaxe, e Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego e do Salón Teatro. Xunto a eles, unha representación do elenco de seis bailarinas e bailaríns -Ástrid Molinero, Mariam Alemany, Julia Méndez, Miguel Angel Ponte, Ariel Gastón A. Caramés e Arturo Naranjo- que pon en escena esta nova proposta da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).
En AÍNDA a creación propia dialoga cun emblemático título no ámbito da danza contemporánea, como é a obra que abre o programa e coa que Nacho Duato iniciou en 1983 a súa traxectoria como coreógrafo de referencia internacional.
O creador valenciano, quen estivo 20 anos á fronte da Compañía Nacional de Danza (CDN) e na actualidade dirixe o ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo, cedeu os dereitos de Jardí Tancat (Xardín pechado) para a súa representación por parte da compañía pública galega, así como para a utilización dos deseños de escenografía e vestiario, orixinais do propio Nacho Duato. Jardí Tancat baséase en textos e cantos populares mallorquinos aos que a cantautora María del Mar Bonet puxo música e voz para recrear a tradición mediterránea máis antiga, relativa aos traballos realizados no campo polos payeses e no mar polos pescadores baleares.
Primeira coreografía de Duato
Trátase da primeira coreografía que deseñou Duato (Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes en 1999 e Premio Nacional de Danza en 2003) e coa que iniciou a súa longa traxectoria profesional cando bailaba no Nederlands Dans Theater da Haia, onde foi estreada e pola que obtivo o I Premio do Concurso Internacional de Colonia (Alemaña). Xa como director da Compañía Nacional de Danza, Duato recuperou estra peza para reestreala en 1992 no Teatro Albéniz de Madrid.
A creación componse tecnicamente de solos, dúos e momentos corais, que transmiten durante 20 minutos unha profunda impresión de ligazón á terra. Con iluminación de Nicolás Fischtel e produción de Carlos Iturrioz e Mediart Producciones, para a posta en escena de Jardí Tancat o Centro Coreográfico Galego contou tamén coa achega como repetidores de Hilde Koch e do coreógrafo francés Amaury Lebrun, colaborador habitual de Duato na CDN e, na actualidade, do Centro Coreográfico Galego.
Ademais, Lebrun asina xunto con Mercedes Suárez a segunda das pezas do programa, Aínda, creada expresamente para a unidade de danza da Xunta de Galicia. Con música de ISGA Collective inspirada en melodías tradicionais galegas e vestiario de María Villas, consta de dúas partes que se desenvolven no marco dunha mesma estrutura temática a través da que se busca reflectir sobre o escenario a riqueza cultural de Galicia.
Atlántico e Mediterráneo
Na súa primeira parte, ideada por Mercedes Suárez, o espírito mediterráneo do Jardí Tancat de Duato serve de referencia á hora de ofrecer un contrapunto atlántico que, sen abandonar o estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega.
Pola súa banda, Amaury Lebrun introduciu a chuvia como elemento de inspiración á hora de crear a segunda parte de Aínda. Así, mentres que a primeira parte transmite un forte espírito lúdico na súa ollada cara á tradición, o coreógrafo francés propón unha mirada ao noso interior para obter unha perspectiva máis profunda e conceptual.
As entradas para as tres funcións de AÍNDA no Salón Teatro poden adquirirse a través da web de Novagalicia Banco (entradas.novagaliciabanco.es) ou no despacho de billetes do teatro, que abre do mércores ao venres a partir das 18.30 horas. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes e usuarios do carné xove, xubilados, persoas en situación de desemprego e determinados colectivos profesionais.
Na imaxe, os bailaríns Ástrid Molinero e Miguel Angel Ponte interpretando un fragmento do espectáculo durante a rolda de prensa. Fotografía: Xoán Crespo