Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE PODERÁ VERSE O MARTES 30 E O MÉRCORES 31 ÁS 20:30 HORAS NO CENTRO CULTURAL NOVACAIXAGALICIA TEATRO

O Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura e Educación ofrece en Vigo dúas funcións do espectáculo "O profesional"

[26/10/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo en Vigo dúas funcións do espectáculo O profesional, que terán lugar no Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro o martes 30 e o mércores 31 de outubro ás 20:30 horas. A primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic, con dirección escénica de Manuel Guede, continúa deste xeito na cidade olívica unha distribución que abrangue 11 escenarios galegos e portugueses, despois de ser estreada en Santiago o pasado 5 de outubro.

O profesional

O profesional, realizada en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, está interpretada por Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel. Forman parte tamén do equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Na produción do que é o primeiro traballo da nova etapa de Guede Oliva á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo, que el mesmo dirixiu en 2007 para a Companhia de Teatro de Braga. Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.

Belgrado, 1990
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.

O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Xira ata decembro
Despois da súa estadía en Santiago e tralo seu paso por Tui e Vigo, O profesional visitará outras oito localidades galegas: Ourense (Teatro Principal, 3 e 4 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de novembro), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

En Portugal, están así mesmo programadas representacións en dous escenarios: o Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra (8 e 9 de novembro) e o Theatro Circo en Braga (13 e 14 de novembro).

As localidades para asistir ás funcións están á venda a través de www.servinova.com e os días das funcións dispensaranse tamén nas billeteiras do Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro.

Ligazóns