[05/10/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida este sábado día 6 a descubrir dunha nova forma a exposición Gallaecia Petrea a través dun programa de visitas guiadas que combinan arte, historia e movemento. Trátase de Gallaecia en danza, unha oportunidade para gozar dunha fusión de linguaxes artísticas na que a contundencia da arte na pedra vai da man da expresividade da danza, e que se desenvolve no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida este sábado a descubrir dunha nova forma a exposición Gallaecia Petrea a través dun programa de visitas guiadas que combinan arte, historia e movemento. Trátase de Gallaecia en danza, unha oportunidade para gozar dunha fusión de linguaxes artísticas na que a contundencia da arte na pedra vai da man da expresividade da danza, e que arranca hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
A través de Gallaecia en danza. Unha fusión de arte, historia e movemento, os visitantes poderán coñecer de primeira man os segredos que agocha a mostra a ritmo dos bailaríns do Centro Coreográfico Galego. A actividade contará con dúas quendas, unha ás 12:30 e outra ás 18:30 horas, e nelas realizaranse tres pezas de danza (clásica, moderna e contemporánea) que se fusionan co espazo e coa propia mostra ao longo dun percorrido único polos catro andares do Museo Centro Gaiás e as diferentes épocas que atravesa a exposición.
As pezas elixidas polo Centro Coreográfico Galego para esta ocasión son "Un ao cub"o, danza moderna que forma parte do ballet "O calar do tempo" -con coreografía de Mercedes Suárez, directora do Centro Coreográfico Galego-; o paso a dous do ballet clásico "O Crebanoces"; e a peza contemporánea "Jardí Tancat", con coreografía de Nacho Duato e música de María del Mar Bonet. Esta última alternarase con "Aínda", unha composición contemporánea que se inspira na danza tradicional galega.
As prazas para esta iniciativa limítanse a 35 por quenda, polo que é preciso reservar en www.gallaeciapetrea.org. A entrada xeral é de 4 euros, a reducida 2 euros (grupos de 20 ou máis persoas, estudantes, familias numerosas, carné xove e discapacitados) e gratuíta para menos de 18 anos, xubilados e desempregados.Gallaecia en danza continuará os sábados 20 de outubro, 10 de novembro e 8 de decembro, tamén en dúas quendas.