Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

FUGURAS DO MUNDO DA CULTURA E DO ESPECTÁCULO ENCHERON O SALÓN TEATRO PARA ASISTIR Á PRIMEIRA REPRESENTACIÓN DA TEMPORADA DA COMPAÑÍA PÚBLICA

O Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura e Educación estreou 'O profesional', de Dusan Kovacevic, con dirección de Manuel Guede Oliva

[05/10/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreou esta noite en Santiago de Compostela o espectáculo O profesional, primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic, baixo a dirección escénica de Manuel Guede Oliva. Numerosas figuras do mundo cultural e académico asistiron a esta primeira representación da montaxe coproducida coa Companhia de Teatro de Braga, que marca ademais o inicio da temporada escénica do CDG e da nova etapa de Guede Oliva á fronte da xestión da compañía pública e teatro.

Miguel pernas e Ernesto Chao en 'O profesional'

A interpretación realizada no escenario por Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel foi seguida desde o patio de butacas por moitos dos seus compañeiros e compañeiras de profesión nos medios teatral e audiovisual, ademais doutros nomes da política e da intelectualidade galega.

A función de hoxe inicia un total de 13 representacións en Santiago dirixidas tanto a público escolar, en funcións matinais concertadas con institutos os mércores e xoves, como ao público xeral, de venres a domingo. Así, tralas funcións de estrea deste fin de semana (sábado 6 ás 20:30h e domingo 7 ás 18:00 h), O profesional permanecerá no Salón Teatro ata o próximo 21 de outubro.

Prezos habituais
As entradas para estas representacións están á venda no despacho de billetes do teatro, que permanecerá aberto todos os días de función desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén poden adquirirse de xeito anticipado a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. Mantéñense os prezos habituais de 10 euros para as localidades xerais (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Despois da súa estadía en Compostela, O profesional emprenderá unha xira ata finais de decembro, con representacións en Tui, Vigo, Ourense, Coimbra, Braga, O Barco, Pontevedra, A Coruña, Rianxo, Narón e Ribadeo.

Incorporación ao repertorio
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.

Neste logrado equilibrio entre traxedia e comedia aséntase precisamente unha das claves polas que O profesional está considerada como a obra de maior éxito do dramaturgo, guionista de cinema e director Dusan Kovacevic (Mrdenovac, 1948), recoñecido á súa vez como unha das figuras máis destacadas da escena contemporánea europea pola actualidade dos temas que trata, a capacidade crítica e o tratamento humorístico da mentalidade do seu pobo.

O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, expolicía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos.