Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE PODERÁ VERSE ATA O 21 DE OUTUBRO EN SANTIAGO, ONDE OFRECERÁ 9 FUNCIÓNS XERAIS E 4 ESCOLARES, PARA VISITAR DESPOIS OUTROS 11 TEATROS GALEGOS E PORTUGUESES

Cultura e Educación estrea 'O profesional' este venres no Salón Teatro como primeira produción da nova temporada do Centro Dramático Galego

[03/10/2012] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea este venres día 5 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago o espectáculo O profesional, primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic que sinala, ademais, o inicio da temporada 2012-2013 da compañía pública. O seu responsable, Manuel Guede Oliva, dirixe esta nova proposta, que poñen en escena catro recoñecidos intérpretes galegos -Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel- e para a que se conta coa colaboración da Companhia de Teatro de Braga como entidade coprodutora.

Rolda de prensa de "O profesional"

Esta "comedia triste", como foi definida polo propio Kovacevic no subtítulo que lle engadiu á obra, permanecerá na carteleira do Salón Teatro ata o 21 de outubro para ofrecer un total de 13 representacións dirixidas tanto a público escolar, en funcións matinais concertadas con institutos os mércores e xoves, como ao público xeral, de venres a domingo. A continuación, O profesional emprenderá unha xira ata finais que se estenderá ata finais de ano por outros 11 escenarios de Galicia e Portugal.

Achega portuguesa
Na produción da que é a primeira proposta escénica da nova etapa de Guede Oliva á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo, que el mesmo dirixiu en 2007 para a Companhia de Teatro de Braga. Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.

No caso do espectáculo que este venres estrea o CDG, ademais dos catro intérpretes galegos, incorpóranse ao equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Equilibrio entre comedia e traxedia
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.

Neste logrado equilibrio entre traxedia e comedia aséntase precisamente unha das claves polas que O profesional está considerada como a obra de maior éxito do dramaturgo, guionista de cinema e director Dusan Kovacevic (Mrdenovac, 1948), recoñecido á súa vez como unha das figuras máis destacadas da escena contemporánea europea pola actualidade dos temas que trata, a capacidade crítica e o tratamento humorístico da mentalidade do seu pobo.

Baixo a súa dirección, foi representada de xeito case ininterrompido no teatro Zvezdara de Belgrado desde a súa estrea en 1990 ata a morte do actor protagonista en 2002, ademais de formar parte do repertorio teatral de numerosas compañías de todo o mundo. Kovacevic asinou, así mesmo, a dirección e o guión da súa adaptación cinematográfica, que viu a luz en 2003 e foi premiada en varios festivais internacionais.

Metáfora dun presaxio
O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Ademais da súa pertinencia temática no aniversario do inicio da guerra dos Balcáns, a coprodución de O profesional coa Companhia de Teatro de Braga é tamén a primeira das accións previstas no marco da nova dinámica de colaboración entre o Centro Dramático Galego e diferentes entidades portuguesas na procura de acadar unha relación normalizada e sistemática entre as escenas de ambos países.

Neste sentido, o Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra (8 e 9 de novembro) e o Theatro Circo en Braga (13 e 14 de novembro) son dous dos escenarios nos que a compañía pública galega representará o seu novo espectáculo trala estadía no Salón Teatro. Durante esta xira, O profesional visitará ademais outras nove localidades galegas: Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 26 e 27 de outubro), Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro, 30 e 31 de outubro), Ourense (Teatro Principal, 3 e 4 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de novembro), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

Horarios e venda de entradas en Santiago
No Salón Teatro de Santiago e trala función de estrea deste venres, ás 21.00 horas, O profesional ofrecerá funcións para o público xeral os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas.

As entradas para estas representacións poranse á venda no despacho de billetes do teatro, que permanecerá aberto todos os días de función desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén poden adquirirse de xeito anticipado a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. Mantéñense, ademais, os prezos habituais de 10 euros para as localidades xerais (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación
Ligazóns