Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ANUNCIOU QUE O CDG PRODUCIRÁ DÚAS OBRAS DO AUTOR AO QUE SE LLE DEDICARÁ O PRÓXIMO DÍA DAS LETRAS GALEGAS: "DÍAS SEN GLORIA" E "TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL"

Vázquez Abad presenta a programación do Centro Dramático Galego de 2013 centrada na figura de Roberto Vidal Bolaño

[30/07/2012] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá a programación dedicada á figura e obra de Roberto Vidal Bolaño que o seu departamento ten previsto desenvolver en 2013 a través do Centro Dramático Galego (CDG). A compañía pública producirá a posta en escena de dúas das pezas asinadas polo dramaturgo compostelán (1950-2002), Días sen gloria e Touporroutou da lúa e do sol, ao tempo que promoverá unha serie de actividades divulgativas arredor do autor ao que o ano que vén se lle dedicará o Día das Letras Galegas e figura clave na historia do teatro profesional galego.

Presentación da programación do CDG dedicada a Roberto Vidal Bolaño

Vázquez Abad adiantou as principais accións deste programa especial como avance da nova temporada escénica 2012-2013 do CDG, que dará comezo o 5 de outubro coa estrea de O profesional, de Dusan Kovacevic. Xunto co titular de Cultura e Educación, participaron neste acto Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego; e Belén Quintáns, viúva de Roberto Vidal Bolaño.

Homenaxe histórica
Na súa intervención, o conselleiro subliñou que o CDG -para o que propio autor desenvolveu traballos como dramaturgo, director, adaptador, deseñador de iluminación, escenógrafo ou actor nunha decena de espectáculos- buscará converterse no principal "catalizador das accións escénicas que acompañen a promoción da admirable figura e da magnífica obra de Roberto Vidal Bolaño", en consonancia coa transcendencia que para as artes escénicas galegas ten o feito de que, por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega decidira homenaxear no Día das Letras Galegas a un autor dramático.

En palabras de Xesús Vázquez Abad, esta celebración "canoniza un autor que, ademais, decidiu consagrar a súa vida profesional á práctica escénica en Galicia e en galego". "E iso -engadiu- transcende a exclusiva dimensión literaria para abrir un horizonte que percorre o mundo da cultura galega na súa dimensión escénica e audiovisual".

Esta programación bolañana terá unha especial incidencia no traballo de produción propia do Centro Dramático Galego, que ten previsto estrear a primeiros de abril unha montaxe para público adulto a partir do texto Días sen gloria, coa que realizará unha xira por Galicia e Portugal ata finais de xuño. Xa no segundo semestre de 2013, levará ás táboas a obra de teatro infantil Touporroutou da lúa e do sol, a través da que tamén se implicará aos máis pequenos na lembranza e recoñecemento a Vidal Bolaño.

Accións divulgativas
Ademais da posta en escena destas dúas producións, que elevarán a sete o número de obras de Vidal Bolaño no repertorio do CDG (xunto con Agasallo de sombras en 1984, A burla do galo en 2000, Mar revolto en 2001, Laudamuco, señor de ningures -inserida en Daquel abrente, espectáculo conmemorativo do 25 aniversario do teatro profesional galego- en 2003 e As actas escuras en 2010), a unidade teatral da Consellería de Cultura e Educación desenvolverá as xornadas Roberto Vidal Bolaño: unha memoria audiovisual. Seguindo o modelo tradicional dos cineclubes, o Salón Teatro acollerá durante 2013 a proxección das gravacións de diferentes producións teatrais asinadas polo autor homenaxeado, trala que se abrirá un coloquio conducido por un especialista na súa obra.

Entre as accións promocionais e divulgativas previstas, destaca igualmente o ciclo de lecturas dramatizadas que o CDG organizará en colaboración coas aulas de teatro universitario da Coruña, Santiago e Ourense. Este programa desenvolverase a partir do mes de marzo e principalmente no ámbito das mostras de teatro universitario, que en Galicia destacan pola súa gran capacidade de mobilización de espectadores, principalmente estudantes universitarios, aos que se achegará deste xeito o legado do dramaturgo compostelán.

Premio para os espectadores
Tamén en 2013 instituirase o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador, vinculado ao Salón Teatro e de carácter anual, que terá como obxectivo estimular a participación activa do público que sigue a programación do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego.

Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, a brillantez e o tino de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na urna que se situará á saída de cada unha das representacións neste escenario. O espectador galardoado recibirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro, así como as obras completas de Roberto Vidal Bolaño.