Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A COMPAÑÍA INSTITUCIONAL RECUPERA ESTE ESPECTÁCULO DE 1978 CUNHA NOVA VERSIÓN PARA PÚBLICO FAMILIAR

O CDG estrea o 2 de febreiro en Vigo "Tarará-Chis-Pum!", baixo a dirección de Artello-Teatro Alla Scala 1:5

[30/01/2007] O Centro Dramático Galego (CDG) estrea o próximo venres 2 de febreiro en Vigo o seu novo espectáculo Tarará-chis-pum! , unha montaxe destinada ao público familiar coa que a compañía institucional chega ao ecuador da temporada escénica 2006-2007. A produción ofrece unha nova versión do espectáculo homónimo representado en 1978 por Artello Teatro; e a súa incorporación ao repertorio do CDG insírese na liña programática da unidade teatral pública respecto á captación de público infantil como unha das súas prioridades.

A nova Tarará-chis-pum! , que foi presentada hoxe pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, nun acto que contou coa participación de Cristina Domínguez, directora do CDG; Guillermo Brea, director de Obras Sociais de Caixanova e parte do equipo artístico de interpretación do espectáculo, ofrecerá outras dúas funcións no Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova (3 e 4 de febreiro) de Vigo -a mesma cidade que acolleu a primeira proposta do espectáculo hai case 30 anos- para despois continuar cunha serie de representacións por escenarios de toda Galicia até finais de marzo.

Anabel Gago, Avelino González, Bea, Noemi Rodríguez, Fran Peleteiro, Manuel Polo e José Carlos Illanes compoñen o renovado elenco da montaxe, construída a xeito de creación colectiva baixo a dirección de escena de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, de Artello–Teatro Alla Scala 1:5. Xunto a eles, outros membros do equipo artístico como Carlos Alonso (espazo escénico e vestiario), Manuel Pombal (dirección musical), Santi Mañasco (iluminación, xunto a Santiago Montenegro) ou Santos Carrrera (atrezzo) asinan a nova versión.

RECUPERAR O RISO

En Tarará-chis-pum! , unha rapaza, pequena aprendiz de pallasa, perde o riso na escola. Para encontralo, emprende unha viaxe fantástica que a levará a percorrer espazos como un mercado, o fondo do mar, o bosque ou mesmo a lúa. Tras unha intensa busca, a acción acaba no circo, onde por fin a pallasa atopará o seu desexado riso.

A compañía Artello Teatro estreou Tarará-chis-pum o 15 de novembro de 1978 na desaparecida Sala Carral de Vigo. Foi o primeiro espectáculo profesional de teatro infantil feito en Galiza. A boa acollida que tivo por parte do público materializouse na realización de noventa funcións e na súa prolongación en cartel até setembro de 1981. Aquel espectáculo recibiu, ademais, a mención especial na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia en 1979.

Vinte e nove anos despois, o Centro Dramático Galego recupera a peza, mantendo no esencial a súa estrutura dramática e, sobre todo, o espírito de creación colectiva. Con esta nova posta en escena e cun novo elenco integrado agora maioritariamente por actores mozos, trata de facer unha invitación renovada ao xogo baseado na imaxinación, na ilusión ou na vontade de cadaquén.

UN TOTAL DE 47 FUNCIÓNS, 28 PARA ESCOLARES

Tralas funcións de Vigo (día 2 ás 20:00 horas e días 3 e 4 de febreiro ás 18.00 horas), o Centro Dramático Galego iniciará unha xira con este espectáculo que se prolongará até finais de marzo e durante a que será escenificado en As Pontes (Cine Alovi, 9 de febreiro), Ferrol (Teatro Jofre, 17 de febreiro), Ourense (Teatro Principal, 24 de febreiro), Xixón (Teatro Jovellanos, 26 de febreiro), A Coruña (Fórum Metropolitano, 3 de marzo), Santigo de Compostela (Salón Teatro, 10, 11, 17, 18, 24, 25, 30 e 31 de marzo), Narón (Auditorio Municipal, 20 de marzo) e Foz (Auditorio Municipal, 28 de marzo).

Ademais das anteriores, están programadas outras 28 funcións escolares nas cidades de As Pontes, Ferrol, Ourense, A Coruña, Compostela, A Estrada e Foz. Para incidir no achegamento dos alumnos á obra, o CDG elaborou un caderno educativo, do que é autora Cristina Pérez Asenjo, para facilitarlles a mestres e estudantes o traballo na clase, tanto antes como despois de asistir ao espectáculo.

Documentación