Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTREOUSE O PASADO 25 MAIO NA CORUÑA COMO PARTE DA MONTAXE "AÍNDA"

A peza creada por Mercedes Suárez para o último espectáculo do CCG, mención especial no Certame Iberoamericano Alicia Alonso

[05/07/2012] A directora do Centro Coreográfico Galego da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mercedes Suárez Rodríguez, obtivo unha mención especial do VIII Certame Iberoamericano de Coreografía Alicia Alonso 2012 pola creación orixinal dunha peza integrada no último espectáculo da compañía, AÍNDA, estreado o pasado 25 de maio no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Imaxe da peza

O premio que cada ano convocan a Fundación Autor da SGAE (Sociedad General de Autores y Editores) e o Ballet Nacional de Cuba e que ten como presidenta honorífica do xurado á bailarina e coreógrafa cubana Alicia Alonso, concedeu tal recoñecemento á obra que Mercedes Suárez presentou baixo o título de Lúa, despois de analizar na Habana un total de 42 coreografías procedentes de Arxentina, Brasil, Chile, Cuba, España, México e Venezuela.

O tribunal valorou especialmente para o seu ditame aspectos presentes na peza galega como a estética xeral, a innovación coreográfica, a coordinación entre os bailaríns, a disposición escénica dos intérpretes e o xeito no que se establece a relación entre música e danza.

O primeiro premio recaeu por unanimidade ex aequo na cubana Irene Rodríguez por El crimen fue en Granada e no hispano-israelí Sharon Fridman por ¿Hasta dónde?. A segunda das mencións especiais outorgadas foi para o tamén cubano Osnel Delgado pola obra titulada Anoxia. Ademais de recibir unha dotación económica para os autores, as creacións galardoadas pasarán a integrar o repertorio do Ballet Nacional de Cuba.

Tradicional e contemporáneo
Con música de ISGA Collective inspirada en melodías tradicionais galegas e vestiario deseñado por María Villas, Lúa é unha peza para ser interpretada por seis bailaríns e bailarinas, na que se utiliza como referencia temática a riqueza cultural de Galicia e a simbiose que se establece co que Suárez denomina "compoñente atlántica". Con trazos de estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega de total expresividade.

Mercedes Suárez dirixe o Centro Coreográfico Galego desde 2010. É titulada superior en Danza polo Real Conservatorio de Danza de Madrid e foi fundadora da Escola Druída e da compañía Druidadanza. Posúe unha dilatada carreira profesional como bailarina e como coreógrafa.