[04/07/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa, a través do Centro Dramático Galego (CDG), na posta en marcha dunha nova plataforma de difusión de actividades culturais entre Galicia e o Norte de Portugal, que ten como obxectivo a optimización do intercambio e a divulgación das actividades que se desenvolven nos territorios dos dous países.
O proxecto foi presentado hoxe en Santiago na oficina de turismo portuguesa PortoeNorte, que ten a súa sede na compostelá Rúa do Vilar, nun acto que contou coas intervencións de Manuel Guede, director do CDG; e dos representantes das dúas entidades lusas que tamén comparten a iniciativa: Rui Madeira, director do Theatro Circo de Braga e Marco Sousa, delegado de Turismo.
A unidade de produción teatral da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) forma parte da xénese deste proxecto e ocuparase da primeira parte da súa aplicación, xa que se prevé que nos próximos meses poida facerse extensivo a outros departamentos e organismos da Consellería de Cultura e Educación.
Mobilidade de espectadores
Segundo os seus fundadores, a plataforma nace coa misión de salvar as barreiras que se sitúan entre os dous territorios, tan próximos xeográfica e culturalmente, de xeito que se favoreza a mobilidade recíproca de público potencial galego e portugués cara as actividades de interese que se programen aos dous lados da fronteira. Na práctica, o proxecto materializarase mediante a divulgación de información conxunta, o fluxo mutuo de información entre os soportes web dispoñibles ou a posta a disposición de material promocional galego en expositores dispostos no aeroporto internacional Sá Carneiro do Porto.
No acto presentouse ademais a carteleira do Theatro Circo, un amplo abano de propostas que comeza este sábado 7 de xullo coa representación de Faust Fantasia a cargo do mítico director Peter Stein, unha oportunidade única de gozar do traballo do xenio berlinés que os organizadores poñen tamén a disposición dos espectadores galegos.