Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TERCEIRO DOS RECITAIS DO FESTIVAL DARÁ COMEZO ÁS 20:00 HORAS

O Salón Teatro incorpórase ao Via Stellae coa integral das suites para violoncello de Bach a cargo de Jean-Guihem Queyras

[03/07/2012] O cellista francés Jean Guihen-Queyras será o protagonista da terceira das xornadas do Via Stellae coa interpretación solista da integral das seis suites para violoncello de Bach. Será mañá mércores 4 ás 20.00h no Salón Teatro de Santiago, espazo que se incorpora deste xeito á programación do festival que organizan a Consellería de Cultura e Educación mailo Concello.

As entradas para este concerto, a un prezo de 6 euros, poden marcarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do Teatro Principal (Rúa Nova, 21) aberta todos os días desde as 16.30h. ata a hora de inicio.

Notas ao programa
As notas ao programa co que se divulga o contido do concerto explican que foi en Cöthen, corte calvinista na que a música relixiosa contaba pouco, onde Johann Sebastian Bach abandonou provisionalmente o órgano para dedicarse á composición de música instrumental de cámara e onde, arredor de 1720, compuxo as súas seis Suites para violoncello. A habilidade no manexo do contrapunto polifónico que amosa a música de Bach, posiblemente non superada por nin¬gún outro compositor da historia, faise tamén patente na súa obra de cámara. Aínda que Bach non foi o primeiro en escribir para violoncello só -os primeiros intentos encóntranse en obras de Domenico Gabrielli (1659-1690) e de Giovanni Battista Degli Antoni (nado cara a 1660)-, é el quen inventa realmente un estilo de seu para este instrumento, que afianzará o desenvolvemento do cello fronte á viola da gamba.

Bach mantén unha coidadosa regularidade nos seis movementos que conforman cada suite, cada un coas súas particularidades no ritmo e no carácter. Cada suite consta dun preludio e cinco danzas, cunha sarabanda lenta como centro e como final, presentando sempre unha giga e unha allemande de intelixente diversidade, dúas teñen bourrée como cuarta danza e dúas inclúen minuetos e outras tantas gavotas. Dúas suites están en tonalidades menores e, á parte da Sexta, é posiblemente a Cuarta a que presenta maior dificultade técnica pois esixe incómodas extensións da man esquerda do intérprete. A Quinta amosa unha afinación en scordatura, habitual na época.

En tres actos
O concerto desenvolverase en tres actos separados por dous descansos. No primeiro deles soará a Suite para violoncello só número 1 en Sol maior e a número 4 en Mi bemol maior. Na segunda parte Queyras interpretará a número 3 en Do maior e a número 5 en do menor; en tanto que no último tramo soarán a número 2 en re menor e a número 6 en Re maior.

Jean-Guihen Queyras
Goza dunha envexable reputación como músico de excepcional versatilidade e integridade. Tocou con moitas das máis importantes orquestras do mundo: Philharmonia Orchestra, Orchestre de Paris, Tokyo Symphony, Philadelphia, Tonhälle Zurich, Leipzig Gewandhaus, Budapest Festival, Suisse-Romande e Netherlands Philharmonique, Freiburg Baroque e Akademie für Alte Musik Berlin e debutou no Carnegie Hall de Nova York con Concerto Köln en marzo de 2004; e baixo a batuta de Bruggen, Fisher, Herrewege, Belohlavek e Norrington. É membro do Cuarteto Arcanto, con Tabea Zimmerman, Antje Weithaas ou Daniel Sepec. Como solista do Ensemble Intercontemporain gravou o concerto de Ligeti dirixido por Pierre Boulez. Tamén gravou a obra de Dutilleux e de Ovules. Toca un cello construído por Gioffredo Cappa en 1696, préstamo de Mécénat Musical Société Générale.

Outras dúas citas no Salón Teatro
Ademais deste concerto, o Salón Teatro acollerá a próxima semana outras dúas citas destacadas dentro do calendario do Via Stellae. Serán o mércores 11, co recital Strana armonia d'amore: Inglaterra vs. Italia (un programa de obras de Pepush, Purcell, Haendel e Scarlatti); e o xoves 12 de xullo cun concerto do clavecinista Pierre Hantaï titulado Tres países, tres séculos, tres estilos, un clave, desta volta con composicións de Byrd, Couperin e Bach.

Ligazóns