Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

"NON NOS IMPORTA A FAMA" É O NOVO ESPECTÁCULO DA FORMACIÓN COMPOSTELÁ, QUE CORENTA DAS SÚAS VOCES INTERPRETARÁN ESTE SÁBADO ÁS 20.30 H E O DOMINGO ÁS 18.00

O Salón Teatro programa dous concertos do Coro da Ra como final de temporada

[14/06/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago dous concertos de O Coro da Ra, que terán lugar este sábado día 16 ás 20.30 horas e o domingo 17 ás 18.00 horas como peche da temporada 2011-2012. A formación compostelá presentará aquí o novo repertorio que dá forma ao seu espectáculo Non nos importa a fama.

O Coro da Ra

Tras estas dúas actuacións, o Centro Dramático Galego (CDG) cederá o seu escenario para a organización de diferentes actividades de promoción externa, entre as que se inclúen unha presentación editorial, unha preestrea cinematográfica e os últimos espectáculos da Asociación Cultural Gaira e do Grupo de Teatro Down Compostela, así como tres concertos do festival Via Stellae 2012. A continuación, comezarán no Salón Teatro os traballos de producións artística mailos ensaios de O profesional, a nova produción que o CDG estreará na súa sede o 5 de outubro.

Da rúa ao escenario
Como vén sendo habitual na súa xa longa traxectoria, en Non nos importa a fama o Coro da Ra continúa apostando polas versións vocais de temas moi coñecidos en estilos como o blues, o soul, o funk, o latino ou a samba, entre outros, que neste caso interpretan corenta voces. Porén, estes concertos no escenario do Salón Teatro serán algo extraordinario para a formación, que atopa na rúa o seu hábitat natural.

O Coro da Ra fundouse en 1993 en Santiago, ao abrigo de Escola de Música Estudio, da que continúa a ser coro residente. O enfoque inicial foi ofrecer un repertorio que se afastase do tradicional neste tipo de formacións, centrándose na música moderna: desde o rock de Frank Zappa ata cancións de Milton Nascimento, pasando por temas de Queen, Bob Marley ou os Beach Boys, entre moitos outros.

En vivo, destaca tamén como característica diferencial a orixinalidade das súas intervencións sorpresa, denominadas "concertos comando". Estes peculiares concertos que ofrecen polas rúas das cidades buscan golpear coa súa música no lugar e no momento menos pensados, sorprendendo os transeúntes en cada actuación.

Baixo a dirección de Ramón Bermejo, o Coro da Ra está formado por un número de voces que oscila entre as 40 e as 65, e conta cun amplo abano de solistas entre os que se atopan destacados cantantes do panorama musical galego, como Ángeles Lago, Najla Shami, Nastasia Zürcher, María Caramés, Diana Vilas, Rocío Jiménez, Paty Lesta, Faia Díaz, Mon Orencio, Simone Negrín e Sergio Piñeiro.

As entradas para estas dúas últimas citas da temporada do Salón Teatro están dispoñibles en venda anticipada a través da billeteira electrónica da web http://entradas.novagaliciabanco.es ou do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse durante a fin de semana desde dúas horas antes do comezo de cada concerto. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais, e de 5 euros o domingo, día do espectador.