Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

JOSÉ LUIS PRIETO REPITE COMO AUTOR E DIRECTOR NESTA SEGUNDA PROPOSTA DA FORMACIÓN COMPOSTELÁ, QUE SE REPRESENTA DO VENRES 8 AO DOMINGO 10 COINCIDINDO CO INICIO DA EUROCOPA

O Salón Teatro acolle tres funcións da compañía Obras Públicas coa comedia musical "O fútbol é así"

[06/06/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago tres funcións da comedia musical O fútbol é así, segunda produción da compañía Obras Públicas que poderá verse na sede do Centro Dramático Galego o venres 8 de xuño e o sábado 9, ás 20.30 horas, e o domingo 10, ás 18.00 h.

O fútbol é así

Coincidindo co inicio da Eurocopa 2012, Obras Públicas chega ao Salón Teatro con esta "comedia disparatada" que, segundo a compañía, está "baseada en feitos inventados que ben puideron ter ocorrido na fase final dun mundial no que xogaba unha selección vestida de vermello". Sobre o escenario, Leandro Lamas e Mos convértense en xornalistas deportivos, seareiros e xogadores para achegarnos unha visión paródica e sarcástica do mundo do fútbol.

Música, teatro e humor a partes iguais
José Luis Prieto repite como autor e director nesta nova montaxe da compañía compostelá, que na liña do seu espectáculo de debut, Life is a paripé, combina música, teatro e humor a partes iguais. Despois do éxito desa primeira produción, gañadora en 2011 de dous premios María Casares (á mellor música orixinal e á mellor actriz protagonista) e finalista o mesmo ano dos Premios Max na categoría de Mellor Espectáculo Revelación, Obras Públicas aposta de novo por unha estrutura en "sketches" e polas cancións satíricas. No caso de O fútbol é así, Lamas e Mos interpretan as súas particulares versións de temas ben recoñecibles polos espectadores.

As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre todos os días de función desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, así como a través da web de Novagalicia Banco (http://entradas.novagaliciabanco.es) e do teléfono 902 43 44 43. O seu prezo é de 10 euros o venres e sábado, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais, e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Documentación