[25/05/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta mañá, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense o novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego que, baixo o título conxunto de AÍNDA, ofrece un programa dobre integrado polas pezas Jardí Tancat, de Nacho Duato, e Aínda, de Amaury Lebrun e Mercedes Suárez. Esta será a segunda función da nova proposta escénica da compañía pública, que inicia xira en Ourense trala estrea que se celebra hoxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e á que asistirán o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero.
Dirixida pola propia Mercedes Suárez e interpretado por un corpo de baile de seis bailarinas e bailaríns -Ástrid Molinero, Julia Méndez, Carmela García, Juan Miguel Hernández, Miguel Ángel Ponte e Ariel Gastón A. Caramés- aos que nestas dúas funcións inaugurais se suma Jesús Pastor, na nova proposta do Centro Coreográfico Galego a creación propia dialoga cun emblemático título no ámbito da danza contemporánea, como é a obra coa que Nacho Duato iniciou en 1983 a súa traxectoria como coreógrafo de referencia internacional.
O creador valenciano, quen estivo 20 anos á fronte da Compañía Nacional de Danza (CDN) e na actualidade dirixe o ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo, cedeu os dereitos de Jardí Tancat (Xardín pechado) para a súa representación por parte da compañía pública galega, así como para a utilización dos deseños de escenografía e vestiario, orixinais do propio Nacho Duato. Jardí Tancat baséase en textos e cantos populares mallorquinos aos que a cantautora María del Mar Bonet puxo música e voz para recrear a tradición mediterránea máis antiga, relativa aos traballos realizados no campo polos payeses e no mar polos pescadores baleares.
Primeira coreografía de Duato
Trátase da primeira coreografía que deseñou Nacho Duato (Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes en 1999 e Premio Nacional de Danza en 2003) e coa que iniciou a súa longa traxectoria profesional cando bailaba no Nederlands Dans Theater da Haia, onde foi estreada e pola que obtivo o I Premio do Concurso Internacional de Colonia (Alemaña). Xa como director da Compañía Nacional de Danza, Duato recuperou estra montaxe para reestreala en 1992 no Teatro Albéniz de Madrid.
A peza componse tecnicamente de solos, dúos e momentos corais, que transmiten durante 20 minutos unha profunda impresión de ligazón á terra. Con iluminación de Nicolás Fischtel e produción de Carlos Iturrioz e Mediart Producciones, a posta en escena de Jardí Tancat polo Centro Coreográfico Galego conta tamén coa achega como repetidores de Hilde Koch e do coreógrafo francés Amaury Lebrun, colaborador habitual de Duato na CDN e, na actualidade, do Centro Coreográfico Galego.
Ademais, Amaury Lebrun asina xunto con Mercedes Suárez a segunda das pezas do programa, Aínda, creada expresamente para a unidade de danza da Xunta de Galicia. Con música de ISGA Collective inspirada en melodías tradicionais galegas e vestiario de María Villas, consta de dúas partes que se desenvolven no marco dunha mesma estrutura temática a través da que se busca reflectir sobre o escenario a riqueza cultural de Galicia.
Atlántico e Mediterráneo
Na súa primeira parte, ideada por Mercedes Suárez, o espírito mediterráneo do Jardí Tancat de Duato serve de referencia á hora de ofrecer un contrapunto atlántico que, sen abandonar o estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega.
Pola súa banda, Amaury Lebrun introduciu a chuvia como elemento de inspiración á hora de crear a segunda parte de Aínda. Así, mentres que a primeira parte transmite un forte espírito lúdico na súa ollada cara á tradición, o coreógrafo francés propón unha mirada ao noso interior para obter unha perspectiva máis profunda e conceptual.
Pezas de repertorio
O Centro Coreográfico Galego avanza con este novo espectáculo na configuración do seu propio repertorio de pezas. As dúas obras que dan forma a AÍNDA súmanse agora ás tres creadas a temporada pasada por Tony Fabre, Miguel Ángel Rodríguez e Amary Lebrun para a montaxe 3DTres, de xeito que as súas diversas combinacións ofrecen a posibilidade de desenvolver propostas adecuadas aos diferentes escenarios, programacións e públicos potenciais.
As entradas para a función de mañá sábado no Teatro Principal de Ourense poden adquirirse a través da web de Novagalicia Banco (entradas.novagaliciabanco.es) ou no despacho de billetes do teatro, que abre hoxe venres de 11.00 a 13.30 h e mañá neste mesmo horario e desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Os prezos das localidades van dos 6 aos 12 euros, con descontos do 20% para titulares do carné xove ou de estudante, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego sen prestación.