Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EN COLABORACIÓN COA RADIO GALEGA E CON PRODUCIÓN DO CDG, O ACTO CELÉBRASE NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO O MARTES 15 ÁS 20.00 H BAIXO O XA TRADICIONAL FORMATO DE ESPAZO RADIOESCÉNICO

Cultura e Educación organiza a gala de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico con dirección artística de Evaristo Calvo

[13/05/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Radio Galega organizan o acto de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que terá lugar no Salón Teatro de Santiago o vindeiro martes 15 de maio ás 20.00 horas. O Centro Dramático Galego (CDG) encárgase da produción da gala, baixo a dirección artística de Evaristo Calvo, na que Eva F. Ferreira recollerá o premio do xurado pola obra Poema sinestésico para tres voces e un can e Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, o da audiencia por Intercom-baby.

Premio Diario Cultural

Baixo o formato de espazo radioescénico, xa empregado nas anteriores edicións do evento, a gala desenvolverase como unha edición especial do programa Diario Cultural, que conducen Ana Romaní e Anxo Quintela. Ademais de entrevistar os premiados, os presentadores darán paso ás interpretacións de diferentes fragmentos dos textos finalistas: xunto con Poema sinestésico para tres voces e un can e Intercom-baby, subirán a escena Ironías, de Carlos Losada Galiñanes, e Quendas, de Zé Paredes.

O elenco de nove actores e actrices (Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Víctor Mosqueira, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira e José Luis López Sacha), que Evaristo Calvo dirixira nas dramatizacións radiofónicas destas obras, será tamén o encargado da súa interpretación durante a gala. Contarase, ademais, co apoio musical de Ro Muñoz, percusionista de grupos como Di Elas, Mamá Cabra, Kentokakí ou The Groovefathers, entre outros.

Entrada libre
No transcurso do evento, de acceso libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez Rivada, farán entrega dos galardóns a Eva F. Ferreira, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que recibirán unha dotación económica de 3.000 euros por cada un dos premios. Os textos e rexistros sonoros das súas obras, xunto cos das outras dúas finalistas, integran un libro-CD que acaba de editar Edicións Xerais de Galicia e que tamén será presentado nesta gala.

Convocado pola Radio Galega e o CDG co patrocinio da Agadic, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico ten entre as súas prioridades fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

As obras gañadoras
O xurado desta sexta edición -integrado por Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xose Manuel Pacho Blanco, escritor e gañador da pasada edición do premio; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do Diario Cultural- decidiu por unanimidade outorgar o seu galardón á obra Poema sinestésico para tres voces e un can, da que subliñou a "utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática e a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica".

A súa autora, Eva F. Ferreira, xa fora finalista do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico en anteriores edicións coas obras Como eliminar as manchas de vómito, O xou mas gou on e 1073. Directora de escena e dramaturga, formouse na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo. Foi artista en residencia para o CDG co proxecto de investigación Corpo-puta-vaca-berro no ano 2009. Ten publicadas diversas pezas dramáticas en volumes colectivos e publicacións como a revista Casahamlet e, na actualidade, dirixe a obra Edison que ten previsto estrear no Teatro Ensalle de Vigo e coa que se presentará a compañía Demolicións Ferreira e Compañía.

Pola súa banda, Santiago Cortegoso e Marián Bañobre son co-autores de Intercom-baby, o texto gañador do premio da audiencia. Actor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso é autor das obras A filla de Woody Allen (2010), 0'7% MOLOTOV (premio Rafael Dieste 2009), Os Comicos dell’Auto (2009) ou Hámster (2009).

En 2010 crea a Compañía Santiago Cortegoso, que debutou coa posta en escena do seu texto A filla de Woody Allen, á que daba vida Marián Bañobre. Como actriz, Bañobre traballou tamén en numerosas producións teatrais para Teatro de Ningures, Centro Dramático Galego, Teatro do Morcego ou Nove Dous, entre outras compañías, ademais de fundar a súa propia xunto a Isabel Risco: Maquinaria Pesada, que debutou en 2009 co espectáculo de clown As vingadoras.