Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O GRUPO DE JAZZ PRESENTARÁ EN DIRECTO O SEU SEGUNDO TRABALLO DISCOGRÁFICO, "THE FUTURE IS GREEN", ESTE XOVES 10 ÁS 21.00 HORAS

Cultura e Educación continúa cun concerto de Borja Cao Trío o ciclo "ST Música Presente" no Salón Teatro

[08/05/2012] O Salón Teatro de Santiago acolle este xoves 10, ás 21.00 horas, unha nova cita musical do programa de concertos "ST Música Presente" que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta ocasión, será o grupo Borja Cao Trío o encargado de presentar en directo o seu novo traballo discográfico The future is green, no que se mesturan sons clásicos do jazz con músicas tropicais e ritmos electrónicos.

Borja Cao

O trío do pianista ourensán Borja Cao, acompañado por Max Gómez á batería e coa incorporación de Juansi Santomé ao contrabaixo, continúa así a súa andaina xunto ao selo Audia Records, que segue co seu labor de proxección das facetas do novo jazz feito en Galicia.

Novos estilos
Este segundo traballo de Borja Cao Trío explora novos estilos como a bossa nova e o funk. A linguaxe foi renovada con respecto ao seu álbum de debut, Match-ball, de xeito que frases de jazz clásico se fusionan con outros estilos como a música electrónica. Sobre este traballo, a revista nipona Jazz Japan Magazine vén de publicar unha crítica na que destaca "o progreso do artista como pianista, con melodías realmente exquisitas e inspiradas na súa personalidade".

Exemplo do emerxente jazz galego, o primeiro traballo de Borja Cao saíu á rúa en 2009 baixo o nome de Match-ball. Todos os temas, ao igual que en The future is green, eran de creación propia e gozaron de boa acollida por parte da crítica e prensa especializada.

O pianista ourensán é profesor de solfeo, pedagoxía musical e música de cámara, e traballa como profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Actuou con diversos grupos e formacións de música de cámara en Galicia e no estranxeiro, como o Club de Jazz Dado-Dadá, no Casino da Toxa ou no Club Cleopatra de Nova York.

Público especializado
Promovido pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), o ciclo "ST Música Presente" botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial.

As actuacións diríxense prioritariamente a un público especializado, como son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e outros axentes culturais, aínda que se abren tamén a todos os espectadores interesados, para os que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.

O de Borja Cao Trío será o terceiro dos concertos desta cuarta entrega do ciclo, trala actuacións ofrecidas pola banda marinense Liorna e o grupo folk Riobó. As próximas citas de "ST Música Presente" terán lugar no vindeiro mes de xuño, o xoves 7 co concerto a cargo de Ugía Pedreira e Fred Martins no que interpretarán en directo os temas de Acrobata; e o xoves 14, coa actuación do trío musical Loaira.

Todos os concertos deste programa teñen lugar ás 21.00 horas. As entradas para o de Borja Cao Trío están á venda a través da billeteira electrónica da 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse o mesmo día da actuación a partir das 19.00 horas.

Documentación