Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS SESIÓNS FORMATIVAS A CARGO DO PRESTIXIOSO SOLISTA DESENVÓLVENSE DENDE HOXE E ATA O VENRES NA SEDE COMPOSTELÁ DESTE CENTRO DE ESPECIALIZACIÓN MUSICAL

A Escola de Altos Estudos Musicais acolle un curso de trompa impartido polo estadounidense Eric Terwilliger

[11/10/2010] O prestixioso solista norteamericano Eric Terwilliger imparte dende hoxe e ata o vindeiro venres 15 de outubro o Curso de Trompa que organiza a Escola de Altos Estudos Musicais na súa sede de Santiago de Compostela. As sesións enmárcanse dentro das actividades da Sección de Formación Permanente do centro que xestiona a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), que acaba de inaugurar o novo período lectivo 2010-2011 coa incorporación ás clases do alumnado de segundo curso da Sección de Especialización.

Eric Terwilliger

Terwilliger impartirá un total de seis intensas xornadas formativas, en horario de mañá e tarde, nas que os alumnos terán a oportunidade de ampliar os seus coñecementos arredor de distintos aspectos da trompa, traballando co mestre norteamericano a técnica interpretativa e afondando no estudo de varias obras para este instrumento.

Destacada traxectoria
Nado en Bloomington (Indiana, EE.UU.), Eric Terwilliger é trompa solista da Orquestra Filharmónica de Múnic dende 1976 e do Chamber Virtuoso desta mesma cidade alemá dende 1986. Tras graduarse en interpretación en 1975, estudou con Michael Hötzek na NWD Musikhochschule de Detmold (Alemaña) e na Mozarteum de Salzburg (Austria).

Dous recoñecementos internacionais -a medalla de prata que obtivo no Concurso Internacional de Xenebra en Suíza en 1976 e o primeiro premio no II Concurso de Trompa en Liexa (Bélxica) en 1981- marcaron o inicio da súa traxectoria como solista, que compaxina con actuacións xunto a orquestras de renome como as filharmónicas de Múnic, Viena e Berlín, e con grupos de cámara como o Viena Chamber Ensemble ou o Viena Wind Octett. Dende 1994 é profesor de trompa na Universidade Johannes Gutemberg de Mainz (Alemaña) e no Conservatorio Richard Strauss de Múnic, actividade que compaxina coas clases maxistrais que imparte en diferentes países.