Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS RECITAIS, DE ENTRADA LIBRE, CELEBRARASE O LUNS 8 E O MARTES 9 ÁS 20.30 H

O auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais acolle dous concertos de cámara dos alumnos do centro

[05/02/2010] A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ofrecerá os vindeiros días 8 e 9 de febreiro senllos concertos de cámara a cargo dun total de 15 alumnos das especialidades instrumentais de corda e de vento-metais. Ambos recitais, de entrada libre ata completar o aforo, terán lugar ás 20.30 horas no auditorio da sede da escola, na finca Vista Alegre de Santiago.

Os estudantes prepararon estas actuacións xunto aos profesores Alexander Gold, Tilmann Kircher e Natalia Madison no marco das súas clases de práctica camerística. Todas as súas presentacións públicas, que inclúen tamén os concertos de solistas e da orquestra de alumnos, forman parte así mesmo do plan pedagóxico deste centro para a especialización musical que xestiona a Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Programas

O programa do concerto do luns 8 inclúe o Quinteto Op. 52 de L. Spohr e o Trío Op. 1 nº 3 de Beethoven. A interpretación correrá a cargo dos alumnos Justo R. Alcalde (fagot), Virginia Ameneiros (clarinete), Lorena Méndez (frauta), Alfredo Varela (trompa), Ana Montero (violín) e Guillermo Alzugaray (violonchelo). Á fronte do piano estará o profesor Alexander Gold.

As obras elixidas para o recital do martes 9 son Cuarteto de corda en Do Maior Op.74 e Cuarteto de corda en Re Maior Op.64 nº 6, ambos de J. Haydn; ademais do Cuarteto de corda en Si B Maior Op.18 nº 6 de Beethoven. Os intérpretes serán Xaquín Carro (violín), Antonio Facal (violín) Olalla González (violonchelo), Rocío Rossi (violín), Sara Gil (violín), Lorena García (viola), Guillermo Alzugaray (violonchelo),Ana Montoro (violín), Lidia P. García (violín), Antía Guillén (violonchelo) e o profesor Tilmann Kircher (violonchelo).