Clásicas desfeitas vol. 12 | Mala vida e pior morte do rei Ricardo III
Organiza: Xunta de Galicia | Cidade da Cultura | Centro Dramático Galego
Quen foi Ricardo III de Inglaterra? Un conspirador? Un asasino sen escrúpulos? O personaxe deformado e tiránico que nos deixou William Shakespeare na súa célebre traxedia é quizais o retrato máis coñecido polo público xeral de Ricardo de Plantagenet, derradeiro rei da casa de York. Fronte a el, o volume 12 do ciclo
Clásicas desfeitas propón unha nova interpretación audaz e humorística do personaxe histórico e literario, que leva por título
Mala vida e pior morte do rei Ricardo III.
A obra estréase na Cidade da Cultura con dúas funcións os días 21 e 22 de febreiro de 2025. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás a un prezo de 9 € (descontos aplicables).
Clásicas desfeitas é un ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura de Galicia para redescubrir os clásicos a través das linguaxes da escena contemporánea. O ciclo encádrase no programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).
Humor fronte á lenda negra
O actor e dramaturgo Evaristo Calvo é o encargado de cargar coa coroa nesta obra contemporánea que explora a manipulación histórica e cultural que consolidou a lenda negra do monarca inglés. Un monólogo que combina humor grotesco, lirismo e un marcado tenebrismo no seu espazo escénico para transcender a pura revisión histórica, presentándose accesible para calquera persoa, coñecedora ou non do clásico de Shakespeare.
O que Ricardo vai reivindicar nesta peza non é xa o recoñecemento que merece como rei tanto como a restitución dunha condición humana que semella negárselle ao convertelo nun monstro, nun personaxe sen outra función que a de demostrar canta maldade cabe nun só individuo. Coa complicidade do intérprete e da audiencia, o monarca transitará o tempo como mellor lle conveña, movéndose fóra do seu período histórico vital porque si, porque lle peta e, sobre todo, porque así é mais divertido.
Na construción de
Mala vida e pior morte do rei Ricardo III intervén un colectivo artístico amplo e multidisciplinar que está a traballar no marco das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). Ao cargo da dirección escénica están o seu intérprete, Evaristo Calvo, o director e actor Antón Coucheiro, e a directora e creadora Alessandra García (Premio Max das artes escénicas e Premio El Ojo Crítico de Teatro de RNE en 2022). A poeta e escritora María Lado participa na dramaturxia da obra, tamén canda Evaristo Calvo, e a produción conta co asesoramento da recoñecida directora Ana Vallés na parte teatral, e da profesora e investigadora da USC, Cristina Mourón Figueroa no apartado histórico.