Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

GALICIA ESCENA PRO 2024

Feira de artes escénicas organizada pola XUNTA DE GALICIA e ESCENA GALEGA


Luns 27

12.00 h

XAROPE TULÚ: A teteira de Kabul
A teteira de Kabul é unha obra de teatro de obxectos e monicreques de Xarope Tulú que fala do valor da paz. A súa protagonista é Mina, unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar como consecuencia da guerra. Xunto á súa familia emprende unha longa viaxe na que, a pesar das duras condicións, irá descubrindo a beleza do tránsito grazas ás historias que lle conta súa nai e que ela garda nunha teteira.
A teteira de Kabul está baseada no conto homónimo de Carolina Pujadas e é unha coprodución de Xarope Tulú coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. A personaxe de Mina está inspirada na vida da escritora afgá Nadia Ghulam.
• A partir de 6 anos
• Teatro de obxectos e monicreques
• Duración: 45 minutos

20.00 h

CIENFUEGOSDANZA: Madame
Unha revisión da figura de Madame Warton e os seus espectáculos de tableaux vivants, representacións en vivo de cadros, esculturas, gravados… que cativaron o Londres de mediados do século XIX nunha proposta onde a figura feminina como empresaria, modelo, actriz e bailarina é central na peza.
Inspiradas na investigación realizada por Laura Monrós, as coreografías de Yoshua Cienfuegos devolven á contemporaneidade os corpos modelados dos tableaux de Warton, a partir dunha reflexión sobre conceptos como a voluptuosidade do corpo feminino, as restricións da feminidade na época vitoriana e figuras míticas da tradición occidental como Ariadna ou As tres Grazas.
• Todos os públicos
• Danza
• Duración: 47 minutos

Martes 28

12.00 h

ELEFANTE ELEGANTE: Kyoki
Kyoki é un espectáculo sen palabras, para todas as idades, que trata sobre esquecemento, vellez e soidade. O título, que significa demencia en xaponés, céntrase na dificultade de recordar, pensar ou decidir. A historia, a través de tres personaxes, unha avoa, a súa filla e unha doutora, mostra as experiencias tanto das persoas que coidan como das coidadas.
A través da linguaxe xestual e da interacción co escenario, o espectáculo crea un universo cómico e poético, viaxando da realidade á esaxeración da vida cotiá. A actriz protagonista utiliza a manipulación de obxectos e a sintonía coa música orixinal para expresar desexos, sentimentos e estados dramáticos, coa imaxe como protagonista.
• A partir de 5 anos
• Xestual
• Duración: 45 minutos

Mércores 29

18.15 h

SARABELA TEATRO: O dragón de ouro
Sarabela Teatro presenta, por primeira vez en galego, O dragón de ouro, unha traxedia contemporánea performática con ton grotesco de Roland Schimmelpfenning, o autor alemán vivo máis representado a nivel internacional.
Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa. Un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña dun restaurante asiático de comida rápida. Non ten permiso de residencia nin atopa a súa irmá desaparecida.
O espectáculo aborda temas candentes no debate social como a inmigración ilegal e a prostitución forzada. Con humor fino e unindo fantasía e realidade. Unha posta en escena cun equipo xeneroso e entregado que dá o mellor de si para habitar un universo fascinante, único.
• Todos os públicos
• Teatro
• 70 minutos

Xoves 30

18.15 h

ELVI BALBOA: Anöa Versión formato trío
Anöa contémplase como un ritual que ten a vontade de mostrar a máscara que nos impoñemos, a vulnerabilidade de cinco corpos en movemento que anhelan chegar ao clímax. Un espectáculo de danza pensado como un acto de insistencia e resistencia, unha acumulación de enerxía sensual, movemento e voz para lograr unha liberación catártica.
• Adulto
• Danza contemporánea
• 50 minutos

Ligazóns relacionadas: Documentos relacionados:

Datas anteriores

27 de maio - 30 de maio

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)