FESTIVAL MARÉ: Proxección do documental Kepa Junkera Berpiztu (Renacer)
Dirección: Fermin Aio
Kepa Junkera saíu de escena o 6 de decembro de 2018 en Gante, Bélxica. Desapareceu, o seu acordeón deixou de soar. As noticias falaban dun ictus, un ingreso hospitalario de urxencias, proceso de recuperación e despois nada. O artista vasco elevou a trikitixa e a música popular vasca ao máximo nivel publicando máis de 30 discos e realizando máis de 100 colaboracións ao longo dos seus 40 anos de carreira. O autor autodidacta, que se converteu no músico vasco máis internacional e que convidou a cantar en eúscaro a artistas de todo o mundo, desapareceu sen deixar rastro.
Despois chegaron dous anos de sesións de rehabilitación para recuperar a mobilidade do seu corpo, para aprender a falar, mover as mans, comer, seguir vivindo. Porque Kepa segue vivindo, segue creando, emocionándose coa arte, coa música, coa poesía, coa pintura, coa fotografía.
Este documental é o relato desa emoción.
Duración: longametraxe / 102 min.
Apta para todos os públicos