RESIDENCIAS PARAÍSO 2022: Marcia Vázquez
Continúa o programa de Residencias Paraíso 2022 coa residencia combinada na Cidade da Cultura e no Salón Teatro, espazos que acollerán o proceso de creación da artista Marcia Vázquez titulado
Vaivén, entre o 27 de xuño e o 16 de xullo.
O público poderá gozar dunha mostra aberta do proceso de creación o día 15 de xullo ás 20.00 h no escenario do Salón Teatro.
Sobre o proxecto
Vaivén é o desexo de oscilar no plano da física das ondas. Unha onda é un conxunto de partículas en movemento que desprazan enerxía a través da materia. O noso corpo é afectado continuamente por ondas e, á súa vez, transfórmaas. Vaivén` relaciona danza, física e son. Xunto a Acacia Ojea navegando sobre as ondas sonoras, ámbalas dúas conectan coa paisaxe que as acompañou durante toda a súa vida: o océano Atlántico. "Unha investigación que se mergulla na vibración e que permite reverberar, á súa vez, no mar interior."
Bio artista
Marcia Vázquez (1994); bailarina, performer e xestora cultural viguesa. Comeza pola danza urbana dentro do ámbito das batallas, pero apartires de 2016 decántase pola danza contemporánea. Forma parte da 3ª e 4ª xeración da formación internacional de La Faktoria Coreographic Center en Pamplona. Seleccionada pola Red Acieloabierto na beca de itinerarios formativos en 2019. O seu solo Onde pousa a humidade recibiu dous premios no festival DZM e unha mención especial "por levar o local, lonxe". Traballou en proxectos híbridos con variedade de artistas, no audiovisual un dos súas últimas colaboracións foi "Neuronas a ceo aberto", exposto na CCG. Á súa vez, combina a súa labor dancística coa xestión cultural. Marcia é unha artista inseparable da súa reivindicación persoal, corpo-comunidade, territorio-identidade.
Acacia Ojea (1994) é unha artista viguesa que traballa no ámbito das prácticas artísticas intermedia e que recentemente se adentrou no deseño sonoro dende a síntese e a composición algorítmica. Despois de estudar piano e percusión, graduarse en Belas Artes e especializarse en cine experimental e composición electroacústica, Acacia desenvolve transversalmente proxectos vinculados ás artes sonoras, á linguaxe fílmica e á xestiaulidade coma medio a través dun achegamento conceptual. Á súa vez investiga ao redor do impacto da dixitalización nas novas prácticas de música contemporánea, considerando sempre o entorno sonoro un estimulo latente dentro dos seus procesos de asimilación, creación e investigación artística.