Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

CLÁSICAS DESFEITAS VOL. V. MOVING COMPASS: A barca do inferno


O volume 5 de Clásicas desfeitas, A barca do inferno, inspírase no Auto da barca, obra fundamental do teatro clásico portugués escrita por Gil Vicente no século XVI. A partir dela, a compañía Moving Compass constrúe unha proposta que recolle elementos do teatro de monicreques vietnamitas e o desexo de explorar a auga como escenario para a creación dramática.

A lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura será o lugar para a posta en escena de A barca do inferno, un espectáculo que sobresae polo seu desafío técnico e por renovar os temas da obra orixinal trasladándoos a unha preocupación crucial nos nosos días: a preservación do medio natural e os seus recursos.

Máscaras e marionetas forman o reparto dunha obra que percorre a relación do ser humano coa auga ao longo da historia, desde a súa veneración como elemento sagrado ata a súa apropiación e destrución por mor da ambición humana. Unha representación que busca aguilloar no público o necesario compromiso coa natureza á vez que nos somerxe na beleza da paisaxe. A interacción do teatro de monicreques co medio acuático é un desafío técnico e unha aposta innovadora que non conta con moitos referentes no panorama nacional.

A barca do inferno conforma o volume 5 do ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). En 2022, Clásicas desfeitasconvídanos a redescubrir, baixo novas formas e linguaxes, textos clásicos da literatura medieval e renacentista galega e portuguesa. Un encontro con artistas que apostan por levar o teatro máis aló das táboas tradicionais, ocupando espazos arquitectónicos e naturais para a creación escénica.

MOVING COMPASS

Moving Compass é unha compañía internacional formada por un grupo de creadoras e creadores que veñen do teatro físico, a música, a danza e os mundos da máscara e a marioneta. Do desexo de afondar, investigar e descubrir a arte escénica do día de hoxe, Moving Compass vai cara a un teatro onde os estilos se xuntan para abrir novos espazos. Cara a unha arte dispoñible para un público sen elites e sen preferencias. A un punto de encontro onde somerxerse no extraordinario.

A compañía nace en 2017 do encontro de Rafael Rey e Mathias Rodriguez en Bruxelas, na l’école internationale de théâtre LASSAAD. No verán de 2018 crean o espectáculo Nino&Mambrú, peza que reivindica un espectáculo de rúa, accesible e dispoñible para calquera que pase ao seu lado. A obra suma máis dun centenar de representacións en países como Bélxica, Francia e España. Séguelle o cabaré para marionetas Titiritada, realizado en colaboración con outros artistas no festival Galicreques 2019. Ese mesmo ano a compañía crea o seu primeiro espectáculo de sala, GAIA BABA, que marca os primeiros pasos de Moving Compass na investigación sobre as artes do monicreque, a máscara e o teatro físico. Participan xunto coa sala de teatro Ártika de Vigo e o Centro Dramático Galego no proxecto de investigación "Cambio de Foco". En 2021 desenvolven o proxecto Tacão, inspirados no relato "Sapatos de Tacão Alto" do autor mozambiqueño Mia Couto.
Integrantes de Moving Compass: Rafael Rey Domech, Mathias Rodríguez, Tomé Mouriño Covelo, Carlos Gallardo, Daniel Gómez Iglesias, Raquel Garabal Carbajal e Tristan Ron

clasicasdesfeitasV_abarcadoinferno

Datas anteriores

25 de marzo - 26 de marzo
/// 21.00

No Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. Lagoa do Xardín Literario
SANTIAGO DE COMPOSTELA