Galicia Escena PRO 2018: Gaia
Entremans
"O noso fogar, a Terra, está a cambiar rapidamente… Debemos atopar unha forma de vida máis respectuosa para protexer o noso planeta e o medio ambiente. GAIA perténcenos a tod@s. Podemos debuxar xunt@s, un mañá feliz e un mundo a toda cor."
Gaia é unha peza didáctica para público familiar (a partir de 3 anos). É o segundo espectáculo infantil de Entremans, logo da boa acollida que tivo a nivel nacional o seu anterior espectáculo,
Xoga. En
Gaia a voz e a danza achégannos coñecementos dende unha óptica visual e imaxinativa. É unha historia en movemento na que a pintura, a música e o audiovisual nos axudan a descubrir a intensidade, o poder e a beleza das características do noso planeta e dos seus tesouros naturais. É un encontro didáctico co que entender a importancia da interacción entre as persoas e o medio ambiente. Conta con axudas á produción da Agadic.
A compañía
Entremans é unha compañía de danza contemporánea creada en 2006 por bailaríns cubanos residentes en Galicia. Mantén unha filosofía de traballo grupal na que a creación e a dirección artística xeralmente se realizan en colectivo, o que fai que non poida definirse como unha compañía ao uso. Combinan as súas producións con labores formativos, colaboracións teatrais e asistencias coreográficas.
Foi premiada en varias ocasións e as súas creacións presentáronse en festivais nacionais e internacionais (Cuba, Bélxica, Suecia, Alemaña, Brasil, Luxemburgo, Francia, Italia, Portugal, Hungría).
Espectáculos:
En la cuenca de tus ojos (2006),
Hasta que no te lo comas todo… (2006),
A palo seco (2006),
Sí quiero (2006),
Mapas (2007),
Dejándome (2009),
A medio metro de lo vivido (2009),
Concerto Desconcerto (2009),
39 y medio (2011),
Blondy’s Coffee pieza sola para dos mujeres (2011),
Só un desexo (2015),
Xoga (2015).