Presentación do libro e posta en escena de O valo
Autor: Carlos Labraña
Dirección: Iván Prado
O espectáculo de Pallasos en Rebeldía e Culturactiva chega ao Salón Teatro de Compostela, no marco da presentación por parte de editorial Xerais do texto, de Carlos Labraña, IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Despois da presentación do libro terá lugar a representación teatral, e a continuación un coloquio sobre a situación dos refuxiados.
Desenvolvemento do acto:
20:00 h | Presentación do libro, que contará coa presencia de Carlos Labraña (autor), Nuría Díaz (ilustradora), Manuel Bragado (director de Edicións Xerais), Romina Bal (especialista en literatura infantil e xuvenil - blog Brabádegos) e Camilo Franco (crítico teatral)
20:30 h | Representación da peza teatral
O valo
21:15 h | Coloquio sobre a situación dos refuxiados
Sobre a peza:
No medio dun deserto, que se estende até onde alcanza a nosa vista, o Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame, xusto onde no seu mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, a rosa do deserto, unha rapaza abandonada, que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Xaora, sentados de costas, mirando as estrelas fugaces no firmamento, Sahara e o Soldadiño comparten idéntico ceo e comprenden que só na procura dos seus soños atoparán a liberdade.
Peza dun único lance para dous personaxes,
O valo propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades. Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016 convocado pola Axencia Galega das Industrias Cuturais (Agadic), o xurado salientou "o carácter sobresaliente" desta peza que ten a guerra de Siria como pano de fondo.