VOADORA: A Tempestade
Autoría: William Shakespeare
Dirección: Marta Pazos
Que levarías a unha illa deserta?
Un I-Pod, as obras completas de Shakespeare, un colchón inchable, sombrillas para cocktails…
Despois dunha longa noite de inverno, a idea dun naufraxio na praia non semella tan terrible, así que… Por que non pasalo ben?
Dicen que os vellos aseméllanse aos nenos.
A Tempestade é a guinda máis extravagante á carreira dun xenio na súa senectude, a derradeira obra de Shakespeare e tamén a declaración de intencións dun autor inquedo que prefire enterrarse nas areas brancas dunha praia de fantasía, que nunha realidade que xa soubo definir como ninguén.
A illa de Próspero é a mesma que logo alugarían o Capitán Nemo ou O Doutor Moreau, pero os seus monstros, da man do autor, non poden evitar ter sangue nas veas. Shakespeare é incapaz de privar de emocións ás súas criaturas aínda que se trate de seres de fantasía que se explican a si mesmos nun marco irreal, alucinóxeno, mesmo en parte froito desa pipa de Hachix recentemente atopada entre as pertenzas do demiúrgo.
Voadora propón un billete de ida a esta illa, onde o diálogo de Shakespeare se respecta ao pé da letra, pero para ser recitado sobre un colchón inchable e encarnado a través dun cásting extravagante.
A enerxía está intacta, pero o aroma é diferente; bailaríns, músicos,
performers… todos á deriva e na mesma nave dos tolos para celebrar a Shakespeare nunha experiencia sinestésica que encaixa como anel ao dedo no imaxinario da compañía.
Agora que sabemos que era verdade que estamos feitos da mesma materia que os soños, sopra o vento a favor para afondar nesta historia que é tamén o mellor
biopic posible sobre o seu autor. Unha auténtica biografía non autorizada e un rockumental de entrevistas a monstros de cores sobre a banda que Shakespeare nunca tivo, pero que deixou a mellor discografía completa xamais publicada.
A Tempestade de Voadora bebe de todas as fontes posibles; o único teito posible é o ceo e a única prohibición é o aburrimento. Esta é a clave dunha obra onde hai lugar para a vinganza e tamén para a rectificación, porque rectificar é de sabios.
Un
brainstorming demencial onde choven refachos de amor e de rabiosa corrupción. Un naufraxio onde a única lóxica posible é a maxia.
450 anos máis tarde, seguimos nesta illa, asistindo á reunión desta banda cuxo
frontman é un vello mago desaparecido que, ao igual que David Bowie, volve dende quensabeonde cun gran disco baixo o brazo.
A Tempestade é o último texto escrito por Shakespeare, a suma da súa arte e de toda a súa experiencia teatral. Trátase dunha tensa obra experimental sobre a exploración do perdón, a familia, o final do traballo, o final da enerxía. A versión de Voadora promete unha posta en escena intensa, moi física e moi plástica que dará como resultado unha marusía de amor penetrante, traición encarnizada e comedia hilarante.