EME2: Meu ben
Autoría: Elaine Murphy
Dirección: Álvaro Lavín
Amor, sexo, vida, morte e clases de salsa. Tres xeracións de mulleres. Un ano extraordinario.
Amber vive sen preocupacións, acabada de saír do instituto, está no mellor da vida, mocea cun tal Paul e anda de festa rachada.... ata que sofre unha molesta "indixestión". A súa nai Lorraine ataca un cliente no traballo polo que ten que visitar un "médico da cabeza"que lle receita facer algo bo para ela mesma unha vez por semana: é hora de se apuntar a clases de salsa! A avoa Kay, pola súa banda, tenta sentirse viva nos frustrantes sesenta mentres coida do seu marido enfermo. Tres xeracións de mulleres de clase media contan a historia dun ano extraordinario.
Estreada en 2008 pola compañía Guna Nua rapidamente se converteu nun éxito. En 2009 foi galardoada co prestixioso premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo sendo a primeira produción irlandesa en levar esta distinción. Desde aquela leva cativando ao público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia e en Nova York. Agora chega ao estado español da man de Eme2.
A autora di:
Cando comezas a escribir, a xente sempre che di: "Escribe sobre o que sabes". Traballando como actriz nos últimos dous anos, sempre tiven a vontade de escribir algo sobre min mesma. As historias decentes non son moitas, e por iso apenas me sinto identificada coas mulleres que representan nos escenarios.
Eu traballo a tempo parcial nunha organización de saúde para a mulleres. Meu Ben creceu a partir de aí, é unha mestura de todas as mulleres que coñecín nos últimos anos: traballadoras, non particularmente ricas nin pobres, ignoradas durante o Tigre Celta, para as que a recesión non suporá un gran cambio, xa sabes, as mulleres coma nós, seguimos tirando para diante. (Elaine Murphy)