BANDULLO AZUL: A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres
Clown e teatro xestual
Autoría: Bandullo Azul e Evaristo Calvo
Dirección e adaptación: Evaristo Calvo
A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres é un espectáculo de humor baseado na coñecidísima historia de Robinson Crusoe (e Venres), pero contado desde un punto de vista moi divertido. Comedia clásica, gags visuais de movemento e musicais, momentos clown, aparición de elementos circenses e todo elo sen apenas texto.
Baseándose na coñecida historia de Robinson Crusoe e o seu naufraxio, e posterior vida nunha illa deserta, esta delirante e tola comedia daranos a coñecer máis a fondo o día a día do noso protagonista xunto co seu servinte, e tamén compañeiro e amigo, Venres.
A través das actividades cotiás e diarias, Robinson tentará "colonizar" dende o seu mundo civilizado ó seu salvaxe e ignorante compañeiro Venres.
Unha mostra máis do 1º mundo por facerse dono de todo e de todos. Cociñar, xantar, a roupa, a relixión, a música, os modais… serán as ferramentas que utilice Robinson para facer de Venres un home de proveito. Pero este último resistirase ante tal "ataque" e amosaralle pouco a pouco a Robinson a importancia , de ser libre, de deixarse levar polo xogo, a diversión, a contemplación… e a busca da felicidade.
Unha chea de situacións onde o "choque" de dous mundos e xeitos de ver a vida faranos rir e reflexionar sobre o realmente importante e necesario para vivir felices.