SEXTETO TEMPO CATRO: Presentación do disco "Os ollos que falan"
Colaboración coa Asociación Cultural O Galo
O Galo organiza, xunto coa Asociación Cultural e Musical Solfa e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, un concerto do Sexteto Tempo Catro que presentará o seu novo disco ‘Os ollos que falan’.
Este disco é unha produción da AS-PG. Trátase da musicación que realizou o sexteto Tempo Catro de once poemas de Cantares Gallegos. O disco mostra unha Rosalía actual e viva, capaz de comunicar con nós a través de temas como a conciencia sobre Galiza e o seu estado, o amor e o desamor, o erotismo e a sexualidade, en clave nada convencionais, por certo. Todos estes temas, e moitos máis, abrollan nestes cantares agora feitos música con ritmos de valse ou de fado; de salsa ou de xota; de mazurca ou pasodobre.
O Sexteto Tempo Catro
Suso Iglesias (acordeón) e Andrés Pazos (piano), profesores do Conservatorio de Ferrol, forman parte de Tempo Catro canda Antonio Romero (contrabaixo), Javi Cedrón (violín) e Pablo Salgueiro (percusión). Begoña Lorenzo pon a voz a este proxecto que busca difundir os cantares de Rosalía neste ano no que se fai o 150 aniversario da súa publicación. Andrés Pazos e Suso Iglesias son autores dunha música no que se senten ritmos de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre.
Con esta actividade, O Galo quere pór fin a un ano de roteiros, conferencias, debates, teatro, exposicións e concertos cos que leva celebrando o cento cincuenta aniversario da publicación de
Cantares Gallegos.
Puntos de venda anticipada das entradas para o concerto-presentación de ‘Os ollos que falan’:
- Restaurante "O Dezaseis": Rúa de San Pedro 16.
- Restaurante Bicoca: Rúa Entremuros 4.
- Libraría Pedreira: Rúa do Home Santo 55.
- Restaurante Grândola: Rúa do Cardeal Payá 18.
- Espazo Enocultural Vide, Vide!: Fonte de San Antonio 10.
- Bar O Barranquillo: Concheiros 24-26
- Café Airas Nunes: Rúa do Vilar 17.
- Local da AC O Galo: Avda de Lugo 2A, entresollado A.
Máis información aquí