TEATRO DO AQUÍ en coprodución co CDG: Criaturas
Autoría: Roberto Vidal Bolaño
Dirección: Evaristo Calvo
Antes de illarse da civilización e perderse nas inmensidades polares, Frankestein achégase ao noso presente para observalo por derradeira vez. Atopará personaxes anónimos, cotiás, cos que nos cruzamos cada día á volta da esquina ou na cola do super, e cos que nos relacionamos con toda naturalidade. Distintas e curiosas "criaturas" cuxas vidas serán vistas polo monstro con estupor.
En
Criaturas, peza distinguida co Premio Eixo Atlántico 1999, co Premio María Casares 2000 ao mellor texto orixinal e co Premio Max para textos teatrais en galego en 2001, Roberto Vidal Bolaño indaga e pon de manifesto o que a razón ou a civilización pode ter producido de monstruoso nas persoas ou no que nas rodea. Así, a través de personaxes anónimos e cotiáns, perfílanse criaturas que veñen tiradas da observación da propia realidade e como pretexto para poñer ao descuberto trazos insospeitados a partir da súa aparente normalidade.
Vidal Bolaño válese do mito de Frankenstein como recurso dramático, cando o monstro, antes de se illar definitivamente da civilización, achégase ao noso presente para observalo por derradeira ocasión, nunha viaxe feita dende o humor, a ironía e o sarcasmo.