ABRAPALABRA PRODUCIÓNS: Memoria das Memorias dun neno labrego
Celebración da representación número 100 coa posta en escena de dúas funcións do espectáculo: sábado 30, ás 20:30 h, e domingo 1, ás 18 h.
Dirección, adaptación e cómico-narrador: Cándido Pazó
Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, foi publicado en Bos Aires en 1961 e é considerado hoxe un dos libros clave da literatura galega, así como o máis editado, lido e traducido. Para conmemorar o seu cincuentenario, a compañía Abrapalabra presentaba en 2011 un espectáculo emotivo e divertido no que se contaba a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista cómico. Tras iniciar a súa segunda temporada de exhibición, celebra agora a súa función número cen.
Memoria das Memorias dun neno labrego parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para falar das sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores. Lectores que, pertencentes a varias xeracións, forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade.
Neste contexto, nas
Memorias dun neno labrego viuse reflectida a memoria dunha boa parte da sociedade galega, dos miles e miles de nenos labregos, ou fillos, netos, bisnetos ou tataranetos de nenos labregos que leron o libro.