TALÍA TEATRO: O método Grönholm
Autoría: Jordi Galcerán
Dirección: Xúlio Lago
Na sala de reunións dunha empresa multinacional comparecen catro aspirantes a ocupar un cargo executivo importante. A razón da súa presenza alí é que todos eles foron convocados a unha última proba na que a empresa decidirá quen dos catro é o elixido para o posto. A proba nesta ocasión vai ser conxunta realizándose polos catro aspirantes ao tempo.
Ao pouco de dar comezo vai quedando claro para todos os aspirantes que aquela non é unha proba convencional. Todos , tres homes e unha muller, son profesionais con ampla experiencia, con cargos importantes en outras empresas na actualidade, afeitos a superar todo tipo de desafíos para alcanzar os obxectivos... Pero esta experiencia, na que entra en xogo o método Grönholm, e unha experiencia distinta.
O método Grönholm é un xogo, si. Un xogo constante entre verdades e mentiras. Un xogo un pouco perverso, talvez, por que as emocións e os sentimentos das personaxes son manipulados e sacudidos sen pudor nin compaixón algunha. Algo que resulta escandalosamente normal na sociedade contemporánea.
Con esta produción, que conta coa colaboración do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), a compañía Talía Teatro celebra o seu 25 aniversario.