María Fumaça
Cantar e bailar para ser máis feliz!
María Fumaça é un espectáculo musical moi especial e que nace dun dos libro-discos máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Por moitos motivos. Por exemplo, pola nómina enorme de xentes da música galega que se uniron para cantar máis de vinte temas (cos seus correspondentes videos e caraoque) para celebrar a alegría de vivir. Porque é unha defensa da vida fronte a discapacidade, que pode estar nos corpos pero nunca nas almas que queren gozar.
O proxecto
María Fumaça gravita arredor de Ruí, un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-disco-dvd cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas.
O espectáculo está pensado para que se cumpra o lema co preside todo o proxecto
María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz.
Os membros da familia
María Fumaça son do máis sobranceiro da nosa música e do noso teatro: Uxía, Magín Blanco, Sergio Tannus, Serginho Sales, Carlos Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina Teatro…
Xuntos argallan un espectáculo divertidísimo no que a música, a luz e as situacións cómicas teñen un gran protagonismo e nos que o público, cantando e bailando con sinxelas coreografías e tonadas, participará moi activamente.