Festival Vía Stellae: Pierre Hantaï volve a Santiago
Tres séculos de música para clave
Tres países, tres séculos, tres estilos, un clave
PROGRAMA
William Byrd (c. 1543-1623)
Monsieur's Alman
The Woods so wilde
Prelude
My lady Nevelll's Ground
Louis Couperin (1626-1661)
Prelude en Re maior
Chaconne en Re maior
Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Suite inglesa núm. 4 en Fa maior BWV 809
Prelude - Allemande - Courante - Sarabande - Menuets - Gigue
Partita núm. 3 en la menor BWV 827
Fantasia - Allemande - Corrente - Sarabanda - Burlesca - Scherzo - Giga
Nun principio a música instrumental era unha mera transcrición da música vocal. A súa escritura a catro voces era respectada por Sweelinck en Holanda ou Cabezón en España. Sabemos que Sweelinck nunca viaxou fóra de Holanda pero non obstante case todos os compositores ingleses foron aprender da súa mestría. En Inglaterra o estilo da música para teclado foi do máis atrevido para a súa época. Non escribían a catro voces, inventaran a escritura da música de teclado na que podían aparecer ou desaparecer un maior ou menor número de voces sen que fose obrigatorio que un silencio enchese o resto do compás.
Segundo Thomas Morley, as obras máis importantes da música de teclado son as fantasías seguidas das pavanas e gallardas. Pero os compositores do período Isabelino tamén compoñían obras no estilo da danza (almaines, corantos, grounds), obras relixiosas (In nomine, clarifica me Pater) ou pezas descritivas (The king's hunt, The woods so wilde).
Probablemente, a obra Monsieur's Alman foi dedicada ao duque de Anjou, o fillo menor de Enrique II de Francia e Catalina de Medici. The woods so wilde ou will yow walke the woods so wilde foi unha melodía moi popular na Inglaterra do século XVI, coñecida máis tarde como Greenwood e que ao parecer xa era cantada na corte de Enrique VIII. My lady Nevelll's Ground é unha das mellores pezas do estilo isabelino escrita nesta forma musical, equivalente ao que no continente sería unha passacaille ou unha chaconne.
As obras de Louis Couperin encóntranse principalmente nos manuscritos de Bauyn e Parville. Non dispoñemos de ningún manuscrito do tío de François Couperin, aínda que no pouco que chegou ata nós figura entre o máis poético e fermoso da música francesa para clave. Louis nunca compuxo suites propiamente ditas, senón preludios e danzas en diferentes tonalidades de maneira que é o bo xuízo do músico o que debe decidir a súa elección.
No barroco había tres principais estilos musicais: o italiano, o francés e o alemán. Johann Sebastian Bach coñecía á perfección os tres, as súas obras son un compendio do barroco e así o reflicte na súa obra para teclado. As súas partitas forman parte da primeira parte Clavierübung, que significa exercicios para teclado. Nelas poden apreciarse os tres estilos, igual que nas suites inglesas, chamadas así non porque o seu estilo sexa o das illas Británicas, senón porque se supón que lle foron encargadas por un mecenas inglés ou porque foron escritas ao xeito de François Dieupart que estivera en Inglaterra." Fernando López Pan
Pierre Hantaï, clave
Nacido en 1964, comeza a estudar clavecín, baixo a influencia de Gustav Leonhardt, primeiro só e despois coa dirección de Arthur Haas. Moi axiña dá os seus primeiros concertos, en recital ou cos seus irmáns Marc e Jérôme. Estuda dous anos en Amsterdam con Gustav Leonhardt que o invita a tocar baixo a súa dirección e nos anos seguintes colabora con Philippe Herreweghe, os irmáns Kuijken, François Fernandez, Marc Minkowski, Philippe Pierlot. A continuación toca como solista a través do mundo. A miúdo é invitado por Jordi Savall e gústalle tocar música de cámara cos seus irmáns e cos seus amigos, Amandine Beyer, Hugo Reyne, Sébastien Marq, Skip Sempé, Olivier Fortin ou Jean-Guihen Queyras. Recentemente reconstituíu o conxunto que fundara nos 80, Le Concert Français, para interpretar as suites, concertos e cantatas de Bach. Da súa rica discografía destacan as Variacións Goldberg, o primeiro libro do Clave ben temperado, de Bach, tres volumes de sonatas de Scarlatti, un recital Couperin e un programa de suites de orquestra de Bach con Le Concert Français.