GAYO PINHEIRO: Área de descanso
Creación, dirección e interpretación: Clara Gayo e Iria Pinheiro
Dúas mulleres escapan con vida dunha academia de oposicións. Despois dunha breve e axitada visita á oficina do INEM, deciden romper con todo e lanzarse a unha aventura incerta polas estradas do país, percorrendo os lugares máis recónditos e protagonizando escenas inventadas por elas mesmas, inspiradas nos iconos máis representativos do cine e a televisión e nas que versionean ao seu modo o papel das mulleres na literatura e os films, cansas dos eternos argumentos pasivos que tradicionalmente lles outorgan. Texto e música para un espectáculo mordaz, cómplice e, sobre todo, feminino.
Gayo Pinheiro é o dúo formado por Clara Gayo e Iria Pinheiro que veñen de "asociarse" recentemente para ofrecer a súa primeira proposta escénica
Área de descanso. Trátase dun espectáculo inspirado no código do xénero cabaré, onde dúas mulleres narran as súas peripecias desde que deciden dar un xiro á súa vida e percorrer o mundo á marxe de crises e conflitos internacionais. Cunha linguaxe sinxela e mesmo achegada ao absurdo, analizan a actualidade e os problemas dun sistema económico e social esencialmente dominado por homes no que non atopan o seu lugar.
En
Área de descanso estas mulleres falan, opinan, critican e analizan todo, con acidez e ironía, e toman postura ante o que acontece sempre desde a súa propia natureza e razón de ser, parodiando por momentos os roles masculinos típicos, pero sen deixar que estes acaben sendo os protagonistas pasivos.