Ronda Poética. O batallón literario da Compañía Femme Fatale
Teatro de rúa
Creación e dirección: Nelson Quinteiro
Elenco: Alberto Dasinda, Fabiana Gastaldello, María Manero, Yolanda Paz, María Polo e Uxía Vázquez
Para conmemorar o Día das Letras Galegas, celebrarase un pasarrúas literario, a cargo da Compañía Femme Fatale, na que cinco actores caracterizados de escritores de inspiración decimonónica acompañados por un acordeonista percorrerán as rúas do centro histórico a golpe de versos, facendo improvisacións, agasallando poemas, relatando cadáveres exquisitos, recitando, escribindo versos no chan, bailando e interactuando cos viandantes nunha proposta moi visual e nada prosaica.
Trátase dun espectáculo de rúa que aborda a figura do escritor/a desde o concepto que del mesmo habita no imaxinario colectivo. Unha proposta que reivindica o papel da poesía e o seu espazo nas nosas vidas. Un pasarrúas itinerante con música en directo que une unha posta en escena moi coidada cunha interpretación que reivindica a exaltación poética.