Acto de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Acto de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega organizan, por sexto ano consecutivo, unha nova edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico, que conta co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O CDG encárgase da produción da gala, baixo a dirección artística de Evaristo Calvo, na que Eva F. Ferreira recollerá o premio do xurado pola obra
Poema sinestésico para tres voces e un can e Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, o da audiencia por
Intercom-baby.
Baixo o formato de espazo radioescénico, xa empregado nas anteriores edicións do evento, a gala desenvolverase como unha edición especial do programa
Diario Cultural, que conducen Ana Romaní e Anxo Quintela. Ademais de entrevistar os premiados, os presentadores darán paso ás interpretacións de diferentes fragmentos dos textos finalistas: xunto con
Poema sinestésico para tres voces e un can e
Intercom-baby, subirán a escena Ironías, de Carlos Losada Galiñanes, e Quendas, de Zé Paredes.
O elenco de nove actores e actrices (Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Víctor Mosqueira, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira e José Luis López Sacha), que Evaristo Calvo dirixira nas dramatizacións radiofónicas destas obras, será tamén o encargado da súa interpretación durante a gala. Contarase, ademais, co apoio musical de Ro Muñoz, percusionista de grupos como Di Elas, Mamá Cabra, Kentokakí ou The Groovefathers, entre outros.
No transcurso do evento, de acceso libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez Rivada, farán entrega dos galardóns a Eva F. Ferreira, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que recibirán unha dotación económica de 3.000 euros por cada un dos premios. Os textos e rexistros sonoros das súas obras, xunto cos das outras dúas finalistas, integran un libro-CD que acaba de editar Edicións Xerais de Galicia e que tamén será presentado nesta gala.
Único das súas características en Galicia e pioneiro a nivel estatal no fomento da escrita de textos dramáticos para a radio, o Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico está impulsado polo programa do mesmo título, decano da información cultural galega que dirixe Ana Romaní, co obxectivo de incentivar a creación dun corpus dramático propio para este medio. Pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.