PÍFANO TEATRO: Winnie son eu
ESTREA
Autoría e dirección: María Armesto
Elenco: Mela Casal, Xavier Picallo, María Armesto e Marcos Sánchez Armesto
Catro personaxes intentan, ata a exasperación, conectar con algo que os distraia dos seus pesares: unha radio, un amor,
Romy Schneider, unha nai, o pasado, o alén, un papá, Raphael, o que faga falta, todo con tal de fabricar un presente que lles permita imaxinar o futuro dos seus
pes dans la mèr.
Como conmemoración do cincuenta aniversario da creación de
Happy Days de Samuel Beckett, Pífano Teatro, con Mela Casal á súa fronte, acorda levar adiante a produción do texto de María Armesto
Winnie son eu, unha reescrita do lendario texto de Beckett e do seu personaxe principal Winnie, único personaxe feminino de envergadura do universo creativo do autor.
O espectáculo titulado
Winnie son eu aborda, desde a perspectiva do teatro do absurdo e co seu humor implacable, o tema da soidade e da inmobilidade das persoas e a súa loita desesperada e cómica por intentar comunicarse e avanzar.
Nacida no ano 1961 e superada xa a metade da súa viaxe, esta muller chamada Ela, busca superar o
impasse no que está suspendida a súa vida, e faino falando, cantando, fabulando, amando, odiando, lembrando, soñando…
O mar, Lubitch, Rommy Scheider, Joyce, o musical, Galicia queimada ou
petroleada, Genet, Rimbeau, Louise Labé ou o propio Beckett forman parte do seu particular universo cotián. Tres personaxes acompáñana nesta odisea: Leo, Françoise e Papá.