LIORNA: Sarahyba
Ciclo ST Música Presente
Desde 1996, Liorna elixiu o camiño máis difícil para converterse nunha das realidades máis frescas e puxantes do panorama folk de Galicia. Mentres resulta habitual que as formacións e solistas do xénero recorran ao repertorio tradicional para configurar os seus discos, o grupo marinense apostou desde o principio polas súas letras e a súa música, á procura dunha linguaxe propia diferenciada.
Liorna publica o seu cuarto traballo discográfico
Sarahyba (Edicións do Cumio, 2010), que segue na liña folk habitual, baseada na tradición galega con pinceladas actuais. Neste disco, preséntanse dez temas que retroceden á orixe do grupo en canto a estrutura e temas das súas cancións, aderezados con novas sonoridades e sen deixar de lado a intención de facilitar a audición esencial das súas melodías.
Para a súa produción, o grupo contou coa colaboración do cantautor brasileiro Gustavo Almeida e da violinista Begoña Riobó. Ademais, dous temas foron gravados en directo no Teatro Colón da Coruña dentro do espectáculo
Gallaecia , acompañados pola Orquestra Sinfónica de Melide e das Pandereteiras da Agrupación Trompos aos Pés.
Xunto a Alberto Lago (gaita e piano), forman parte de Liorna os seus irmáns Carlos (batería) e Luis (percusións), Javier Rabanal (baixo), Jaime Reboyo (zanfona e saxo soprano), Rafael Maquieira (guitarra), Montse Ogando (voz e piano) e Tania Garrido (voz).