TEATRO DE NINGURES: 0,7% Molotov
Dramaturxia e dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Rocío González e Salvador del Río; Armando Martén e Ana Beatriz Pérez (bailaríns)
ELA -neohippy solidaria- acaba de chegar de África. EL -nihilista solitario- contrátaa para facer a vendima. ELA namórase do vento que sobe do río. Descobre un lugar no que atopar unha identidade libre de conflitos, no que ser auténtica. EL está de volta dunha vida urbana hipócrita, na que vendeu a conciencia e a coherencia política en cómodos prazos. As uvas deste ano prometen un viño intenso, aromático, doce no padal. Pero a colleita non vai rematar. Nin as vides poden escapar das gadoupas dun capitalismo salvaxe que se expande coma o vento ata o máis afastado recuncho do mundo.
No contexto dunha hipócrita e consumista sociedade occidental, na que a solidariedade, o compromiso político e as conciencias se mercan en cómodos prazos, EL -nihilista e solitario- contrata a ELA -neohippy solidaria recén chegada de África- para que que lle axude a vendimar as uvas que o afastan das gadoupas dun capitalismo globalizado e salvaxe, que se expande como un gas que non pode evitar respirar nin no máis afastado recuncho dun mundo inxusto e contraditorio. ELA, sedenta dunha identidade libre de conflitos, expía as súas culpas entre a terra, as estrelas e un vento que os devolverá ao comezo do viacrucis.