FUNBOA ESCÉNICA: Oiseau Rebelle
Autoría, dirección e interpretación: Paulina Funes e Cristina Balboa
Oiseau Rebelle (paxaro rebelde) é un espectáculo de teatro-danza verbal, plástico e sonoro que dialoga acerca do imaxinario amoroso e des-amoroso. Un ritual do corazón como músculo, como metáfora e como alimento.
O amor é un paxaro rebelde, / que ninguén o pode engaiolar, / e é inútil chamalo / se el non quere contestar. ('L'amour est un oiseau rebelle', Opera Carmen de Georges Bizet)
Somos vítimas e verdugos deste obxecto de desexo. Somos xogadoras do tres en raia, do escondedoiro, de bico, verdade e consecuencia. Estamos no miolo, no ollo do furacán, no centro de gravidade permanente. Sufrimos máis que ninguén, amamos mal, tarde e a rastro. Buscamos a Nemo, a Jacks, ao home do saco. Pintamos un corazón co teu nome dentro, unha acuarela de ilusión, a mona.
Funboa Escénica é unha compañía de recente creación que nace da man de Cristina Balboa e Paulina Funes, coa intención de crear novas ideas para dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas de entender o teatro como arte escénica.