ST MÚSICA PRESENTE: Lobalú
Continúa o ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente" coa presentación do primeiro traballo discográfico de Lobalú, o dúo musical composto por Héctor Lorenzo e Najla Shami. Este album debut, que leva por nome
Haikus, destaca polas súas composicións de grande sonoridade que navegan entre a música brasileira, o jazz e a música galega cun son moi persoal e cheo de cor.
Haikus nace arrolado pola primavera. Botou flor devagariño, cos aloumiños dunha ducia e media de músicos e amigos e converteuse nun paseo polas catro estacións do ano enfeitado pola música e a poesía. Sen as moras regulamentarias mais coa métrica da alma, cada composición, atesoura un anaquiño da musicalidade e sensibilidade dos que a conforman. O agasallo da súa impronta fai de cada un deles creadores deste espazo e catalizadores dun proceso que tivo a súa orixe na sinxeleza dunha guitarra e unha voz.
Promovido pola Agadic, en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo "ST Música Presente" botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.